Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Cervo supervisaron o pantalán recentemente instalado no porto de San Cibrao

270715 Foto pantalan 1Cervo, 27 de xullo de 2015.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, achegouse este luns a San Cibrao para supervisar, en compañía do alcalde de Cervo, Alfonso Villares; do deputado autonómico e primeiro tenente de alcalde cervense, José Manuel Balseiro; e doutros membros do goberno municipal, o pantalán flotante colocado no porto da vila. Trátase dunha instalación de 12 por 2,5 metros que era moi reclamada polo Concello e os usuarios do porto.

A infraestrutura, que entrará en servizo nas vindeiras semanas, toda vez que se rematen as últimas actuacións, está composta dun módulo de 12 metros e pasarela de acceso ao mesmo. Suxeito ao peirao a través de bigas de aceiro galvanizado dispón duns rolos que adaptan a superficie flotante á altura marea e estabilizan a mesma. Ademais terá un peche que protexe e garante o acceso á superficie principal ás persoas autorizadas.

O investimento autonómico previsto, incluído o material suplementario e ás propias obras de instalación do pantalán, supera os 15.000 euros, que o ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, achega co obxecto de facilitar as operacións de atraque e acceso ás embarcacións de menor porte, en especial, aos socios e usuarios da mariña seca e do Club Náutico de San Cibrao.

Alfonso Villares insistiu na gran demanda que tiña San Cibrao dunha instalación para a náutica recreativa: “é un pantalán que lles vai servir ás persoas de San Ciprián que teñen algún tipo de embarcación náutica para poder embarcarse nela. Era moi demandada polos que están vinculados ao mar en San Ciprián e, polo tanto, moi solicitada e moi demandada por nós ao ente autonómico para que, se fose posible e canto antes, nos fixeran chegar unha instalación deste tipo. Xa a temos posta no porto e vai estar todo o verán. Evidentemente, na época invernal nalgún momento teremos que quitala do mar, pero polo menos na época na que a xente do mar en San Ciprián se achega para poder gozar ou traballar nel vai poder dispoñer dun pantalán, moi importante e necesario para a xente do noso mar”.

Pola súa banda, o deputado autonómico Jose Manuel Balseiro puxo en valor as xestións desenvolvidas no Parlamento de Galicia e que hoxe se materializan nesta actuación.

Ademais o alcalde destacou que nos últimos anos foron importantes as obras impulsadas por Portos de Galicia e dirixidas á mellora do peirao de San Cibrao, incluído o reforzo da escollera e a dotación de puntos de luz, a propia Mariña seca e outras actuacións de mellora solicitadas desde o Concello e polos usuarios.

Exit mobile version