Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa ‘Aberto por Vacacións’ de Foz presentou o seu funcionamento ós pais e nais

pres-vacacionsfozFoz, 3 de xullo de 2015. A Casa da Xuventude de Foz acolleu este venres unha reunión para explicar aos nenos e nenas inscritos e aos seus pais e nais o funcionamento do programa de actividades de verán Aberto por Vacacións, que organiza o Concello focense e que comeza o vindeiro luns, 6 de xullo. No acto participou a concelleira Mercedes González Alonso.

Nesta reunión explicouse aos pais e nais o funcionamento do Aberto por Vacacións e entregóuselles a programación dos primeiros quince días para os dous grupos de idade: un de 3 a 6 anos e o outro de 7 a 12 anos.

O luns comezarán as actividades no pavillón do CEIP Número 1 con xogos de coñecemento e ao longo dos vindeiros días farán xincanas de auga, olimpíadas, obradoiros de mar, multideporte, etcétera. Será en 3 espazos diferentes: o pavillón do CEIP Nº 1, a praia da Rapadoira e o campo de fútbol municipal de Malates.

Dende a organización tamén explicaron que “as persoas que desexen inscribir aos nenos ou nenas poden facelo na Casa da Xuventude ou chamando ao teléfono 982.13.30.37. No grupo 1 estanse a esgotar as prazas e no grupo 2 quedan algunhas máis por cubrir para este mes de xullo. O custo é de 10 euros ao mes”.

Exit mobile version