Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Barreiros defenderá que se inclúan de urxencia tres mocións no próximo pleno municipal

Barreiros, 28 de xullo de 2015.- O PSdeG-PSOE de Barreiros defenderá que se inclúan de urxencia tres mocións no próximo pleno municipal.

Esperamos – explica a voceira socialista Maria Carmen Veiga- que o o Sr Fuente Parga e os seus compañeiros de goberno, teñan a suficiente sensibilidade para aceptar debater de urxencia tres mocións.

Unha delas trata do sector lácteo, un sector con forte arraigo no Concello de Barreiros e base da economía de moitas familias barreirenses que seguen a ver coma os prezos do leite que producen son os máis baixos, non só do Estado, senón tamén de toda a Comunidade Europea, á vez que sofren unha forte presión por parte da industria nas condicións fixadas unilateralmente, chegando incluso a ameazar coa non recollida do produto. Onde os socialistas propoñemos que se esixa ao goberno a modificación do decreto do “paquete lácteo”, e se inste ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para que desenvolva un plan coas comunidades autónomas que garantice a recollida e posterior venta da produción leiteira en condicións dignas.

Outra para instar ao Goberno de España á retirada da recentemente aprobada, Lei de Protección de Seguridade Cidadá (Lei Mordaza) porque restrinxe indebidamente o exercicio dos dereitos e as liberdades da cidadanía e representa un ataque frontal ao noso Estado de Dereito, e sobre a que o Tribunal Constitucional acaba de admitir a tramite un recurso, no que se considera que esta nova Lei vulnera un total de doce artigos da Constitución.
E unha terceira, para instar ao Goberno galego para que se dirixa ao de España, demandando unha revisión da lexislación de espectáculos e das licenzas de actividades das orquestras e das festas populares e unha regulación fiscal que atenda ás peculiaridades dun sector, tamén presente no noso concello pois son varias as orquestras barreirenses, e xa que este é, dentro das actividades musicais, o sector que mais recursos e mais empregos xera en Galicia, con unha facturación en torno aos 60 millóns de euros e dando traballo a máis de 7.000 persoas relacionadas co mundo do espectáculo.

Dada a repercusión social e a importancia destes temas e actividades, defenderemos que se inclúan de urxencia as mocións no vindeiro pleno – comenta Maria Carmen Veiga – á vez que explica que, os socialistas, tamén teñen rexistrada unha batería de rogos e preguntas para intentar mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Barreiros.

Preguntas, interesándose polo saneamento, a tramitación en curso do PXOM, ou o amaño de diversos camiños do concello. E rogos, para pedir que se se articule unha norma para que os automóbiles históricos queden exentos do Imposto de Tenencia e desfrute de Automóbiles, dado que Barreiros e dos poucos concellos que a non teñen, que se faga limpeza e desbroce de todos os camiños de competencia Municipal ou varios cambios na sinalización e toponimia do Concello que non están correctos e inducen a erros, entre outras.

Exit mobile version