Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE reclama a Candia que na reunión con Feijóo, que a Besteiro lle negou “por medo”, lle esixa saldar as débedas cos lucenses

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo reclama a Elena Candia que lle esixa a Feijóo saldar as débedas que mantén cos lucenses na reunión que esta tarde manterán en Santiago de Compostela. O Deputado socialista Pablo Rivera Capón subliñou que “Besteiro enviou a Feijóo ata 10 cartas, solicitándolle un encontro, onde e cando quixera, no que abordar as principais preocupacións dos lucenses. Feijóo nunca respondeu, vetando esta reunión con Besteiro por medo, porque lle teme como rival á Presidencia da Xunta de Galicia, porque non lle interesaba unha foto con Besteiro; unha foto que, pola contra, non lle importa ter agora con Elena Candia porque sabe que ela non é rival para el senón, en todo caso, para a desaparecida Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias”.

“É unha vergoña que, durante 8 anos, Feijóo non quixera falar con Besteiro sobre as preocupacións dos lucenses, discriminando, claramente, aos veciños desta provincia só por intereses partidistas”, engadiu.

Rivera Capón subliñou que “os socialistas esperamos que hoxe Elena Candia deixe de exercer de Delegada da Xunta en Lugo e comece, dunha vez por todas, a exercer de Presidenta da Deputación de Lugo, – que o faga a lo menos o pouco tempo que lle queda nesta institución-. Que defenda os intereses dos lucenses e reclame a Feijóo saldar as débedas que mantén cos lucenses, ás que os socialistas levamos anos reivindicando”. Entre elas, o Deputado do PSOE apuntou:

1.- Dotación inmediata no Hula dos servizos públicos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Lugo segue a ser a única provincia galega sen estas prestacións. “Candia deberá preguntar a Feijóo que vai a facer coa proposta que lle fixo o Goberno progresista de Gómez Besteiro de financiar dende a Deputación de Lugo a posta en marcha de Hemodinámica 24 horas no Hula. O Presidente da Xunta nunca respondeu a esta proposta que, por certo, o PSOE espera que manteña a nova Presidenta da Deputación, posto que é unha petición dos veciños nos Orzamentos Participativos”, salientou.

2.- Sinatura dos convenios de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia para cofinanciar os servizos sociais e políticas activas de emprego na provincia. Son os convenios que Feijóo asinou coas restantes Deputacións galegas, achegando máis de 25 millóns de euros ás provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, e que vetou á de Lugo.

3.- Concertar prazas públicas nas residencias públicas da Deputación de Lugo, que a Xunta leva ano negando mentres si llas concede a centros de iniciativa privada. Dende 1977, a Xunta de Galicia con concerta prazas en residencias públicas da Comarca de Lugo.

4.- Dar resposta ás 49 peticións que os veciños fixeron á Xunta durante a elaboración dos Presupostos Participativos, e que o Goberno progresista de Gómez Besteiro lle trasladou a Feijóo. Estas son, entre outras, e a maiores dos servizos para o Hula, as seguintes: residencias públicas da terceira idade na Comarca de Lugo, en Becerreá e en Mondoñedo; un plan urxente para poñer en valor o antigo Hospital Xeral; plans de impulso do Camiño de Santiago e declaración oficial do Camiño de Inverno e da Costa; impulso do Plan Paradai; posta en marcha das actuacións da Rolda Leste; remate dos Corredores da Costa e de Monforte; medidas en impulso do sector primario e do rural; ou posta en valor do sector forestal…

Exit mobile version