Site icon Crónica3.com A Mariña

O xoves 9 de xullo terá lugar o pleno de organización do Concello de Burela

Burela, 7 de xullo de 2015.- O vindeiro xoves, 9 de xullo, ás dez da mañá terá lugar o pleno extraordinario de organización no Concello de Burela. Segundo o alcalde, Alfredo Llano, o máis destacado será o aforro duns 13.000 euros con respecto ao mandado anterior nas dedicacións que percibirá o equipo de goberno. Eses cartos destinaranse a fins sociais ou a emprego.

O rexedor explicou que “o vindeiro xoves, ás 10 da mañá, terá lugar o pleno de organización do Concello de Burela. Seguiremos en moitas cousas igual que estabamos no mandato de 2007/2011 e noutras igual que se viñeron facendo durante o goberno do PP, sobre todo con respecto ás sesións plenarias. Imos celebrar plenos cada dous meses, serán os impares, entón a finais de xullo haberá un pleno ordinario”.

Llano dixo que “as dietas e os desprazamentos seguirán igual, non sufrirán modificacións. A novidade está nas dedicacións do equipo de goberno. Haberá unha exclusiva 45.000 euros para o alcalde, e dúas parciais de 14.000 euros cada unha, para Cultura e para Política Social. Nós aforramos uns 12 ou 13.000 euros netos que destinaremos a investimentos en políticas sociais ou en temas laborais e de emprego”. O alcalde de Burela cre que “debemos procurar gastar menos e ser máis rendibles e serios na xestión do Concello e o que se aforre dedicarémolo a iso, ao que sexa necesario aplicar nun momento determinado”.

Alfredo Llano lembrou que “o meu soldo será o mesmo que o que tiven no meu anterior mandato coma alcalde de Burela. Logo veu González Barcia e subiu esa cifra ata os 48.000 euros e despois tivo que baixala por imperativo. No pleno do xoves tamén se nomeará aos membros das diferentes comisións, pero o máis notorio e importante é esta rebaixa substancial nas dedicacións exclusiva e parciais”.

Exit mobile version