Site icon Crónica3.com A Mariña

Os gastos políticos no Concello de Cervo “redúcense neste mandato nun 10,87%”

Cervo, 1 de xullo de 2015. A concelleira de Facenda, Dolores García Caramés, asegura que os gastos políticos no mandato que se acaba de iniciar redúcense nun 10,87% con respecto a 2011. E di que o portavoz socialista non está a contar a verdade aos veciños e veciñas de Cervo.

A edil popular considera que “non é bo empezar unha nova etapa, tras as eleccións de maio, non contando a verdade aos veciños. Non se pode dicir, como di o voceiro do PSOE, que o equipo de goberno se sobe o salario ata o 12% chegando a 117.000 euros cando el ten os datos e no pleno que tivemos o outro día puido velos”. García Caramés puntualiza que “os gastos políticos con respecto a hai catro ano redúcense nun 10,87%. E pásase dos 78.014 euros brutos no 2011 a un total 69.533 euros brutos neste 2015”.

Para a concelleira de Facenda “trátase dunha cantidade bastante equilibrada para o nivel de servizos que temos en Cervo, onde xestionamos a maior parte dos servizos públicos e onde contamos cun orzamento de máis de 6 millóns de euros. Parécenos un gasto máis que razoable, si o comparamos co que acontece noutros Concellos próximos gobernados polo PSOE, como é o caso de Ourol, onde o gasto político se sitúa nos 71.000 euros”.

Exit mobile version