Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Lourenzá propoñen expoñer a obra de Paulino Pérez Varela na XXV Festa da Faba

Mª Emma Álvarez Chao, portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular do Concello de Lourenzá, presenta ó Pleno do Concello de Lourenzá a presente MOCIÓN para o seu debate e aprobación, se procede, da exposición da obra de Paulino Pérez Varela na sala de exposicións da Casa do Concello durante a celebración da XXV Festa da Faba tendo en conta que “a obra de Don Paulino Pérez é merecedora de ter o recoñecemento público dos seus veciños e tamén dos visitantes a Lourenzá”.

Don Paulino Pérez Varela, veciño de Castiñeiras Verdes na Parroquia de Santo Tomé, garda na súa casa os cadros que pintou dende o ano 1950. Pese a calidade da súa obra, este artista laurentino de 85 anos de idade sempre foi remiso a mostrala publicamente nunha exposición, sendo este momento da súa vida unha boa oportunidade para facelo, segundo el mesmo confirmou a este grupo municipal.

A casa de Paulino é unha verdadeira pinacoteca, pero de producción propia, todos os traballos foron feitos por el, agás uns frescos que penden nas paredes do vestíbulo e da subida das escaleiras que son dun irmán seu, emigrado a Arxentina. Precisamente, foi cando o seu irmán deixou a casa familiar cando el empezou a utilizar o seu material facendo desta arte a súa afección particular, que, á súa avanzada idade continuaría facendo de non ser que a vista non llo permite.

A súa primeira obra foi unha Ultima Cena feita sobre madeira de castaño, pero os que realmente destacan son os paisaxes, para os cales ten unha habilidade especial, destacando o cadro que ten no salón da súa casa de enormes dimensións. Paulino pintou dende A Fervenza de Mondoñedo ata o Batán da Finca Galea pasando por postas de sol ou casas tradicionais, sendo características propias da obra deste laurentino o coidado contraste dos verdes do campo, a perfección das árbores e os sutís matices que fan brillar a auga.

Aínda que a este artista laurentino nunca lle gustou expoñer nin vender as súas obras, unha das súas obras foi cedida a Universidade de Santiago, tratase dun toro galego que pintou para o seu amigo veterinario D. Ángel García Sanz.

Exit mobile version