Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo aseguran que “o único que non conta toda a verdade aos veciños sobre os gastos do goberno é o Partido Popular”

CERVO, 4 DE XULLO. O portavoz do Grupo Municipal Socialista en Cervo, Francisco U. Mon asegura, trala contestación da concelleira de Facenda, Dolores García Caramés, en relación ao aumento do gasto para o equipo de goberno nesta lexislatura, que “quen non está a contar toda a verdade aos veciños e veciñas de Cervo é o equipo do Partido Popular, pois é totalmente certo que o gasto para as catro adicacións subiu un 12% respeto ao ano 2011 e que o coste total do equipo de goberno ascende a uns 117.000 euros”.

Os membros do GMS recoméndanlle á señora García Caramés que “antes de facer este tipo de acusacións á oposición lea ben as nosas declaracións e non mesture os conceptos, euros brutos con euros netos ou gastos das adicacións con gastos de todo o equipo de goberno”.

Neste senso, os socialistas subliñan que “é tan fácil como consultar o punto número 11 da orde do día da acta número 6 do pleno do Concello de Cervo con data 30 de xuño de 2011 para ver que a cantidade destinada a pagar as adicacións na anterior lexislatura era de 62.264,76 euros e que a cantidade para pagar as adicacións propostas neste 2015 ascende a 69.533,04 euros. A diferencia se fai ben as contas é dun 12% máis”.

Por outra banda, Mon destacou que “a cifra dos 117.000 euros comprende os gastos de todo o equipo de goberno, incluindo as adicacións, as asistencias a Xuntas de Goberno e plenos e resto de gastos”.

Os socialistas remataron dicindo que “se lles parece razonable este gasto total, que expliquen claramente a qué é debido este incremento porque nós só observamos un concello de menos de 5.000 habitantes, no que cada día perdemos máis poboación, se reducen os servizos e palpamos unha notoria caída da actividade. Todo o contrario ao que debera suceder para xustificar o incremento destes gastos”.

Exit mobile version