Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Ribadeo aseguran que “se consumou o dispendio de preto de 160.000 euros ao ano para o equipo de goberno duplicando así o da anterior lexislatura”

“Como xa temos anunciado, no pleno celebrado este mércores materializouse o que o equipo de goberno propoñía como salarios para eles mesmos co único apoio dos concelleiros nacionalistas”, asegura Roberto Ramos, voceiro do PSdG-PSOE de Ribadeo.

“Neste pleno pedimos aclaracións de cales eran os motivos para a subida do soldo do alcalde (6.256 euros/ano mais), que representa un incremento do 16% respecto ó aprobado na anterior lexislatura. Nós entendemos que o mais honrado, para o caso de levar a cabo unha subida salarial, seria aplicar o IPC interanual correspondente a estes últimos catro anos, que é como se regularizan normalmente os soldos. Sendo así, e aplicando o IPC interanual de Galicia dende o mes de maio de 2011 ó mesmo mes de 2015, sae unha suba duns 1.400€/ano no soldo bruto”.

“Tamén mostramos a nosa desconformidade ca nova contratación da praza da secretaria persoal do alcalde: Non quedan tan lonxe os tempos nos que se xustificou este feito ca necesidade de apoiar ó equipo de goberno (ano 2007, no que o BNG gobernaba en minoría con só 4 concelleiros). Hoxe non ten sentido dita contratación ó dispoñer de dez concelleiros, o que permitiría o reparto do traballo contando con seis persoas mais e, polo tanto, sen necesidade dunha persoa adicional que vai supoñer un coste importante para o Concello”.

“Ademais, pedimos que se achegaran os costes totais de todas estas contratacións, xa que nas propostas aprobadas onte só figuran os soldos brutos e netos pero non os costes da seguridades social, o que permitiría coñecer o coste real.”

David Feijo, concelleiro do PSdG-PSOE, aclara que “adiantabamos onte que o importe total do coste do equipo de goberno, sumando os salarios e a seguridade social, suporá, para as arcas municipais, un desembolso de preto dos 160.000 euros/ano. Deles uns 60.000 serán para cubrir a contratación do alcalde, outros case 40.000 para un dos concelleiros (Vicente Castro), 26.000 para unha concelleira con media dedicación (18,75 horas/semana para Ana Martinez) e, por último, uns 30.000 euros pola contratación dunha praza de secretaria particular para a alcaldía”.

Roberto Ramos: “Duplicar o gasto parécenos un saqueo descarado das arcas municipais, arcas cuxos fondos son de todos os veciños e veciñas. Sabemos que este tipo de medidas se toman ó principio das lexislaturas ca seguridade de que o pobo as esquece, e de que é moi fácil acusar á oposición de intentar desmantelar ó equipo de goberno, pero como xa manifestei onte no pleno, nós velaremos polos intereses dos veciños e das veciñas e elevaremos as nosas propostas, peticións ou protestas no caso de ver que ditos intereses están sendo conculcados, como é o caso. Esperamos que o alcalde saiba administrar adecuadamente a maioría que ten, pero vistas as medidas adoptadas no primeiro pleno da lexislatura, parece que vai por mal camiño”.

Exit mobile version