Site icon Crónica3.com A Mariña

Persoas con discapacidade da asociación Agora de Monforte participan nun programa de respiro en Ribadeo

O programa de respiro na Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da comarca de Lemos comeza este venres 3 de xullo unha semana de vacacións e descanso á que se apuntaron persoas usuarias do centro de día e de vivendas tuteladas da entidade, acompañadas por persoal laboral do centro.

Este ano o concello de Ribadeo é a localidade elixida para pasar unha semana de lecer que se vai desenvolver dende hoxe ata o día 10 de xullo, tempada que aproveitarán para estar na praia, para realizar visitas culturais a museos, a zonas monumentais de distintas localidades da Mariña lucense e para realizar paseos polos arredores.

As 31 persoas que forman parte desta actividade, 14 profesionais de AGORA e 17 persoas usuarias, están hospedadas en Casa Fandín, uns apartamentos totalmente accesibles que se adaptan ás necesidades do grupo.

Esta viaxe está enmarcada dentro do proxecto de lecer inclusivo que a entidade vén desenvolvendo dende hai catro anos coa finalidade de proporcionar unha experiencia de vida diferente, nun ambiente novo, cun programa de actividades o suficientemente flexible para poder adaptalo ás necesidades de cada persoa, proporcionando tamén o necesario “respiro” para a familia, e tamén, para a persoa con discapacidade en relación á propia familia.

O programa de saídas culturais que se enmarca dentro da actividade é o seguinte, aínda que se adaptará segundo as circunstancias climatolóxicas.

– 03/07/15. saída dende Monforte e chegada a Ribadeo aos apartamentos Casa Fandín.
– 04/07/15: saída de visita turística polas casco histórico de Ribadeo, visitando o barrio Indiano, a Aduana Vella, Zona do Cargadoiro, Praza do Campo/España, a Igrexa de Santa María do Campo, Capela de Atalaia e Miradoiro de Atalaia.
– 05/07/15: paseo pola Ría de Ribadeo e visita á praia das Catedrais dende a zona alta, sen baixar ao areal. Pola tarde estarán na praia, sempre que o tempo o permita.
– 06/07/15: visita aos concellos de Foz e Alfoz.
– 07/07/15: visita a Tapia de Casariego durante a mañá e pola tarde xornada de praia.
– 08/07/15: visita á fábrica de Sargadelos de O Cervo e o Museo do Mar de San Ciprián
– 09/07/15: paseo por Ribadeo durante a mañá e praia pola tarde.
Ribadeo. Realizar as compras necesarias.

– 10/07/15: Regreso a Monforte con parada en Mondoñedo para visitar catedral e centro urbano.

En anteriores ocasións, as viaxes foron a Portugal, Bilbao e Oviedo. Intentan cambiar cada ano de destino para así ter a oportunidade de coñecer novos lugares.

Exit mobile version