Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxección en Barreiros do documental “O Piloto”, este venres ás 9 da noite, da man de Ollomao

Barreiros, 2 de xullo de 2015.- Este venres 3 de xullo ás 21.00, no Centro sociocultural de San Cosme de Barreiros, o Colectivo Cultural Ollomao proxecta o documental “O Piloto”, que entra na vida do que foi o último guerrilleiro contra o franquismo 50 anos despois do seu asasinato preto do Encoro de Belesar. Neste acto contaremos coa presenza do director Xosé Reigosa co que poderemos intercambiar opinións ao final do acto.

O Documental
O documental está baseado na testemuña de case 40 persoas que dalgún xeito tiveron relación c’O Piloto. Entre eles algúns historiadores que son autoridades no estudo da resistencia antifranquista en Galiza.
O documental realizouse baixo a produción e dirección do fotógrafo Xosé Reigosa, o guión de Afonso Eiré, autor da obra “O Piloto. O último guerrilleiro”, e conta cunha banda sonora realizada por Arturo Vaquero, gañador do Premio Mestre Mateo 2013 á Mellor Banda Sonora. Forman parte da equipa técnica Jaime Pardo que se encargou da cámara, Bego Pérez que fixo de axudante de cámara e de script, Begoña Souto, María Nogueira e Luís Figueiras que fixeron o making-off.

O Piloto
Xosé Luís Castro Veiga, coñecido popularmente como O Piloto, foi un guerrilleiro que loitou contra a ditadura franquista e en defensa da legalidade da República. Nado no Concello d’O Corgo en febreiro de 1915, ingresou na Aviación Militar española aos 16 anos, onde gañou o alcume de O Piloto e o título de cabo. Durante a Guerra Civil desertou do bando franquista e uniuse ao republicano, Ao rematar a guerra foi arrestado e condenado a 30 anos de prisión, dos que só cumpriu 4 grazas a un indulto. Ingresou no Exército Guerrilleiro de Galiza en 1945 e elaborou os estatutos das Agrupacións II-III do Exército Guerrilleiro de Liberación Nacional. A partir de 1948, o PCE retiroulle o apoio, pero el continuou coa súa loita.

Asasinado preto do salto de Belesar o 10 de Marzo de 1965, cando xa ían 26 anos desde que finalizara a guerra civil,  levaba enriba dúas pistolas, unha delas metralladora, e 150 balas. Para el a guerra non rematara.

Exit mobile version