Site icon Crónica3.com A Mariña

Sendeirismo, kayaks, exposicións e festas no rural durante o mes de xullo no Vicedo

A programación sociocultural para o mes de xullo no Concello do Vicedo arranca o mércores 8 ás 10.30 horas cunha baixada polo Sor en kayaks -que ten un prezo de 15 euros- dende o porto do Vicedo ata onde se poderán desprazar os participantes en vehículos facilitados por Actividades Estaca.

O seguinte mércores, 15 de xullo, desenvolverase unha ruta polo Sendeiro Azul e Senda da Costa (10 km) con saída dende a praia da Abrela ás 10.00 horas.

A costa de Xove será o seguinte destino destas rutas gratuítas organizadas polo Concello o mércores 22. Ás 10.00 horas, dende a Casa da Cultura, partirase en coches particulares ata o inicio do roteiro no Porto de Morás.

Finalmente, o mércores 29 péchanse estas actividades de sendeirismo e kayaks cunha actividade combinada que se desenvolverá no Barqueiro -a partir das 10.00 horas tamén-; aínda que os participantes tamén poden elixir participar en calquera das dúas de xeito individual. O prezo da ruta en kayak será de 15 euros.

Os interesados en participar nalgunha das actividades poden inscribirse na Casa da Cultura do Vicedo ou no teléfono 982 59 01 95.

Cultura
Por outra banda, a Casa da Cultura inaugura o mércores 15 de xullo unha exposición de pintura de José Pablo Pérez e xoves 23 acollerá a partir das 20.30 horas a presentación do libro Reflexiones sobre la vida y otras cosas, de Enrique Mora Morandeira. E o xoves 30, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, acollerá o obradoiro lúdico “O sabor da aventura está no mar” a partir das 11.00 horas.

Festa Turismo Rural
O Vicedo acolle o domingo 19 de xullo a Festa de Turismo Rural a partir das 13.00 horas cunha misa na honra a San Vicente de Francos. Xa a partir das 14.30 horas haberá degustación de produtos típicos. Ás 17.00 campionato ecuestre do que se entregarán os premios ás 18.30 horas para deixar paso ó baile a partir das 19.30 horas.

Exit mobile version