Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra: “Comisión, Consello e deputad@s que apoian a liberalización, culpábeis da crise no sector leiteiro”

Estrasburgo, 07 Xullo 2015. No serán de onte o Parlamento Europeo debateu en Sesión Plenaria o desenvolvemento da aplicación do denominado ‘Paquete lácteo’ -aprobado na Unión Europea tanto polo Partido Popular (PP) como polo Partido Socialista (PSOE) o 15 de febreiro do ano 2012-, tomando como base a proposta de resolución “Sobre as perspectivas para o sector lácteo na UE. Revisión da aplicación do ‘Paquete lácteo'”, presentado por James Nicholson, eurodeputado do Grupo Europeo dos Conservadores e Reformistas (ECR).

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, coordinadora na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), encetou a sua intervención anunciando a importante mobilización do sector leiteiro que terá lugar o vindeiro día 17 de xullo, para esixir solucións a unha crise que, reitera, “ten responsábeis: o Consello, a Comisión e aqueles deputados/as que no seu día aprobaron a liberalización do sector, o abandono da política leiteira pública e o ‘Paquete Lacteo'”.

As medidas propostas polo Comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, e polo informe sometido a debate, “non son solución a esta crise”, sentenciou a eurodeputada galega.

Dende AGEe subliñamos unha vez máis que se realmente se quere solucionar a crise na que se atopa o sector leiteiro galego e europeo “temos que voltar a unha política leiteira pública que teña como base a regulación da producción e do mercado, prezos mínimos que cubran o traballo e os custos de produción, que priorice o mercado interno e asentada nun modelo de produción en base á terra e aos pastos, é o único xeito de saír desta crise”.

Exit mobile version