Site icon Crónica3.com A Mariña

Turismo de Galicia elabora unha guía dos recursos xeolóxicos e xeomorfolóxicos da costa cantábrica galega

Santiago, 2 de xullo de 2015.- Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, elaborou una guía dos recursos xeolóxicos e xeomorfolóxicos da costa cantábrica de Galicia.

A publicación enmárcase no plan de conservación da praia das Catedrais e ten como obxectivo promover a oferta turística complementaria da Mariña Luguesa e impulsar, así, o turismo en toda a comarca.

Ademais, con esta nova publicación, Turismo de Galicia busca enriquecer a experiencia turística neste destino fóra da temporada estival, buscando así a desestacionalización das visitas e aumentando a estadía media do turista que se achega a coñecer este famoso paraxe.

Este inventario de recursos xeomorfolóxicos únese a outras publicacións editadas por Turismo de Galicia que ofrecen opcións complementarias na Mariña. Así, a guía “A Mariña Luguesa”, a publicación “Alén das Catedrais” ou a guía “Faros e Praias Salvaxes” demostran como esta comarca pode ser un destino atractivo os 365 días do ano.

A nova publicación recolle un estudo elaborado por Augusto Pérez, Catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago, e Francisco Canosa, Doutor en Xeoloxía da Universidade de Oviedo, da riqueza xeolóxica e xeomorfolóxica da costa de Ribadeo e a súa contorna.

A zona analizada esténdese dende o Cabo de Estaca de Bares á Ría de Ribadeo, un sector de costa pertencente case na súa totalidade á provincia de Lugo, que se caracteriza pola súa diversidade tanto a escala detalle como no seu conxunto.

A través deste estudo, Turismo de Galicia quere dar a coñecer outros puntos de grande interese xeolóxico e xeomorfolóxico que non gozan do recoñecemento e popularidade da praia de As Catedrais pero que, porén, presentan un gran potencial e atractivo.

A guía, que está xa dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia, está enfocada tanto para turistas e visitantes que queiran coñecer este destino desde outra perspectiva como para especialistas que estean interesados en afondar nesta riqueza.

Datos Mariña Luguesa
No pasado ano a Mariña Luguesa acolleu máis de 135 mil viaxeiros que realizaron máis de 256 mil pernoitas, o que supón un incremento de turistas do 8% en relación ao ano 2013 e unha suba das pernoitas do 7%.

No que vai deste ano 2015 as cifras van en aumento, xa que no primeiro cuadrimestre do ano chegaron xa á Mariña máis de 27 mil turistas, un 16% máis que no mesmo período do ano pasado.

Exit mobile version