Site icon Crónica3.com A Mariña

Ulla: “É vital o consenso e a unidade na defensa do sector lácteo máis alá das liortas políticas e de sacar réditos electorais”

Lugo, 28 de xullo de 2015.- O deputado delegado de Medio Rural, José Ulla, defendeu este martes durante o transcurso da sesión plenaria que “é vital o consenso e a unidade de todas as forzas na defensa do sector lácteo” e, neste senso, considerou necesario “deixar a un lado as liortas partidistas e as pretensións de obter réditos electorais”.

“Non nos queda ningunha dúbida do grave problema polo que están a pasar os traballadores do campo consecuencia da sobreprodución e un desaxuste entra a oferta e a demanda” , polo que Ulla defendeu que “deberiamos trasladar dende esta institución o noso apoio unánime a todos os gandeiros, así como o noso compromiso na toma de decisións en beneficio do sector, segundo nos permiten as nosas competencias”.

Así, o equipo de goberno propuxo aprobar unha declaración institucional a través da que se manifestara o apoio da Deputación ao sector. Ao non ser aceptada esta proposta polo Grupo Socialista, o deputado de Medio Rural explicou que “apoiamos a postura do BNG por parecernos máis coherente e abstivémonos na do PSOE por tratarse dunha iniciativa cargada de referencias políticas, cun único obxecto, o de acadar beneficios partidistas, a costa do sufrimento e dos problemas dos nosos gandeiros”.

Ulla asegurou que “non se trata de quen sae máis nas cámaras ou quen sae máis adiante nas manifestacións, senón que queremos un esforzo común” co obxecto de tender pontes de colaboración e axuda aos gandeiros. Dende os gobernos populares “estamos traballando para tomar medidas para mellorar o sector gandeiro e mantemos contacto directo coa Consellería” e, pola contra, hoxe na sesión plenaria “déronlle prioridade aos réditos partidistas e non aos problemas dos gandeiros”.

José Ulla lamentou o interese político do PSOE que se demostra tamén nas “mentiras” nas que se basearon nas súas intervencións como que se está ante a peor crise do sector lácteo, mentres os prezos medios de produción, por exemplo, eran peores no 2010. O deputado de Medio Rural preguntouse se daquela “non protestaban tanto porque había un conselleiro do BNG”. Ademais, Ulla referiu a afirmacións falsas de socialistas e nacionalistas como as de que estamos nunha situación provocada só en Galicia, que se está ante un problema xeneralizado de recollida de leite ou de baixada de prezos ou de acusar ao gobernos populares na Xunta e no Estado de estar ausentes cando “as medidas levadas a cabo demostran o contrario”.

Implicación da Xunta e do Goberno Central cos gandeiros
José Ulla defendeu a implicación ao 100% da Xunta de Galicia e do Goberno Central na defensa do sector lácteo e fixo referencia ás ultimas 20 medidas que veñen de anunciar como son, dende a administración autonómica, axilizar e anticipar os pagos das axudas da PAC, a firma dun convenio de colaboración para a concesión de préstamos en condicións vantaxosas, medidas específicas ao abeiro do PDR 2014-2010, un acordo para o consumo exclusivo de leite galego en colexios públicos, hospitais e actos organizados pola Xunta, o inicio da redacción dun Plan Estratéxico para o Sector Lácteo e o relanzamento da marca Galega 100%.

O deputado popular tamén citou as últimas toma de decisións do Goberno central como son, entre outras, o apoio ás OPLs cun millón de euros, unha campaña de promoción do consumo, incremento do control e vixilancia da cadea alimentaria no sector lácteo, medidas de desenvolvemento rural ou o impulso do cooperativismo.

“Non se pode perder o referente do camiño andado co PP no Goberno central”
O vicepresidente da Deputación, José Antonio García, defendeu este martes que o Goberno de España está comprometido con cumprir escrupulosamente o principio de estabilidade orzamentaria, respectando os obxectivos de déficit e débeda pública. Así o manifestou o vicepresidente no transcurso do debate da moción presentada polo PSOE esixindo un novo reparto nos obxectivos de estabilidade orzamentaria.

“Este compromiso co principio de estabilidade orzamentaria fai que o noso Estado se poda presentar con total credibilidade ante os nosos socios europeos. Vennos como un Goberno serio e que cumpre cos obxectivos marcados, o que fai que, despois de pasar por unha época de dificultades, España sexa un país con futuro”.
Neste senso, o vicepresidente defendeu que os mecanismos de financiación son solidarios coas comunidades e o Ministerio de Facenda está a tomar unha serie de medidas que benefician ás comunidades autónomas, incrementando as transferencias. Unhas decisións que “non son froito da ocorrencia, senón dun camiño que se leva andado polo goberno do PP no Estado”.

José Antonio García asegura que “perder este referente é perder a posibilidade de saír da forte crise. A creación de emprego apunta a unha recuperación que non está terminada, pero na que se deron pasos importantes, e que permite que España medre actualmente a un 4% intereanual e que se crearan máis de medio millón de empregos nos últimos 12 anos”.

O PP comprometido coas infraestruturas viarias na comarca da Mariña
O deputado de Economía, Recadación e Facenda (na que se inclúe a delegación da Pesca), José Demetrio Salgueiro, puxo de manifesto este martes o compromiso dos populares coas infraestruturas viarias na comarca da Mariña, ao tempo que manifestou ser consciente da insuficiencia das actuacións que se están a levar a cabo ata o momento. Neste senso, o equipo de goberno apoiou a iniciativa presentada polo BNG, como mostra da necesidade de chegar a “acordos en áreas de interese para os veciños”.

Salgueiro evidenciou o compromiso do Ministerio de Fomento coa comarca e citou a licitación da obra de reparación do firme da N-642 cun investimento superior ao 1,2 millóns de euros; o concurso para que diferentes empresas presenten os seus proxectos en innovación, “coa intención clara de solucionar os problemas de visibilidade na A-8”; ou que nos orzamentos de 2015 aprobouse unha partida plurianual dedicada a autovía entre San Cibrao e Barreiros (500.000 euros no 2015; 3 millóns de euros no 2016, 6 millóns de euros no 2017 e 9 millóns no 2018).
“Os gobernos do PP non só anuncian e aproban investimentos, senón que tamén os executan, ao tempo que están a atender aos problemas herdados do anterior goberno, xa que o propio voceiro dos socialistas recoñeceu hoxe que o proxecto de execución da A-8 se redactou durante o goberno do PSOE no Estado”, manifestou o deputado.

Compromiso cos veciños
A presidenta da institución provincial, Elena Candia, tamén puxo en valor este martes o esforzo do equipo de goberno por sacar adiante acordos entre os tres grupos políticos en beneficio “dos veciños e veciñas desta provincia. Nos antepoñemos o interese dos lucenses á obter rendibilidade política, ata o feito que neste pleno incluímos na orde do día iniciativas plenarias rexistradas fóra de prazo, como é o caso da moción sobre as infraestruturas viarias na comarca da Mariña”.

Exit mobile version