Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños Independentes de Alfoz reuníronse coa asociación Afruval

DSCN4242Alfoz, 28 de xullo de 2015.- Seguindo a política de Veciños Independentes de Alfoz de entrar en contacto coas diversas asociacións do Concello, ven de celebrarse o pasado luns 27 de xullo unha reunión coa asociación Afruval, coa asistencia de membros da directiva do colectivo e de VIA.

Nos catro meses de existencia desta asociación tense observado un extraordinario dinamismo co fin de poñer en produción tanto árbores de froita como hortalizas nas numerosas fincas en desuso existentes no Val. Outro dos obxectivos de Afruval é a recuperación de variedades de mazá autóctonas cultivadas fai anos no Val. Afruval xa levou a cabo un curso de poda, con notable éxito, e durante o ano espérase dar continuidade á formación, xa que o coidado das árbores frutíferas distribúese ao longo de todo o ano. O número actual de socios do colectivo é de 29.

O principal problema co que se atopa esta asociación no Concello de Alfoz é a tardanza na conclusión da concentración parcelaria, xa que impide a distribución final das propiedades, algo esencial para determinar as superficies que poderían ser dedicadas a produción. Desde VIA infórmase que se está presionando a través do goberno do Concello para apurar a conclusión do parcelamento.

Desde a asociación solicitaron a colaboración de VIA tanto para obter financiamento coma para a obtención de terreos xa que, co fin de ser capaces de entregar datos tanxibles para os socios, existe o proxecto de conseguir unha finca piloto, cunha superficie mínima duns 6.000 m2, na que probar o comportamento de diferentes especies para plantar, e que tratamentos son máis eficientes para cada especie, non solo de mazás senón tamén de arándano, lúpulo e kiwi. Nesta finca piloto tamén se procedería á instalación dunha estación agrometeorolóxica.
Afruval ten ademais planificadas visitas para recoller información doutras asociacións de Galicia e Asturias e está negociando coa Universidade da Coruña para a obtención de colaboracións no estudo de viabilidade das plantacións.

Os membros de Veciños independentes de Alfoz VIA mostraron un gran interese nesta iniciativa pois segue a liña do seu ideal político, que non é outro que o de impulsar novas fontes de negocio para Alfoz que ademais poñan en valor os terreos agrarios, polo que se ofreceu a súa plena cooperación tanto desde a agrupación como desde o goberno do Concello de Alfoz, do que VIA forma parte.

Exit mobile version