O Kayak de Foz participaba o sábado 17 de xullo, no embalse de Verducido, nunha das citas autonómicas máis importantes da tempada, o Campionato Galego de Pista infantil sobre a distancia de 1000 metros, cunha expedición formada por 6 padexeiros: Xoel García, Fran Rubio, Pablo López, Brais Martín, Paola García e Naila García.
A xornada matinal do sábado estaba destinada ás probas dos barcos individuais, K1 e C1. Xoel García era o primeiro do Kayak en botarse á auga logrando o segundo mellor tempo para a final A de home infantil A parando o crono nos 04:23,32. Despois, Paola García, cun crono de 05:27,50 ocupou o posto 8º, entrando na final A de muller infantil B. Naila García parou o crono en 05:42,79 sendo o 15º mellor tempo entrando na final B de muller infantil B. Fran Rubio foi o segundo mellor crono cun tempo 04:54,87 o que o situou na final A de home infantil B. Pablo López, cun crono de 05:34,07 foi o 19º mellor tempo, quedando fóra da final B de home infantil B por 59 milésimas. Brais Martín parou o reloxo en 06:01,93 ocupando o posto 25º, lonxe dos tempos de corte, quedando xunto con Pablo fóra das finais.
As finais de K1 comezaron coa disputa da regata dos infantís A K1. Nesta final estaba o padexeiro do Kayak de Foz, Xoel García ocupando a rúa 4, acompañado por Gabriel Pachón na rúa 5 e Ángel González na rúa 3, ambos do Ribeiras do Tambre, Ternera Gallega, e Joaquín Iglesias, do Verducido, pola rúa 6. Vellos coñecidos nas rúas centrais da pista de Verducido.
E non houbo sorpresas. Tras un quilómetro espectacular, o ouro foi para Gabriel Pachón, do Tambre, pola rúa 5 cun crono de 04:22,67. Tras unha excelente actuación, a prata foi para Xoel García Neira do Kayak de Foz que parou o crono en 04:29,17, 6 segundos e medio máis tarde que Pachón, e facéndose cunha nova medalla que continúa engrosando o seu palmarés deportivo. O bronce foi finalmente para Ángel González, do Tambre, cun crono de 04:33,19.
A seguinte padexeira do Kayak en saír á auga foi Naila García Neira na final B muller infantil B K1 pola rúa 1, segundo lle correspondía polo crono marcado na contrarreloxo. Tras seis intensos minutos de regata, Naila entrou na 7ª posición parando o crono en 06:02,81. A vencedora da final B foi Nuria Romeu, do Tudense, que parou o crono en 05:23,87.
Paola García, na final muller infantil B K1, saíu a dalo todo na rúa 2. Só houbo que esperar cinco minutos para coñecer o resultado final da regata: o ouro foi para Fátima Moreda do Cidade de Pontevedra -cun crono de 05:17,13-; a prata foi para Lucía Devesa do Breogán O Grove que parou o crono en 05:21,28 e o bronce foi para Alejandra Manso tamén do Cidade de Pontevedra cun crono de 05:21,76. Paola García finalizou en noveno posto parando o crono en 05:49,22.
A última regata matinal era a Final Home Infantil B K1. Fran Rubio partía co segundo mellor crono. Tiña todas as posibilidades, do mesmo xeito que Xoel García, de facer un podio. As rúas centrais estaban ocupadas polos mellores cronos das contrarreloxos: Marcos Muñiz do Portonovo ocupaba a rúa 5, Fran Louro do Kayak de Foz a rúa 4, Adrián Padín do Portonovo a rúa 6 e Miguel Paz do Verducido a rúa 3.
A emoción durou ata o último metro da final. O ouro foi para Marcos Muñiz do Portonovo que parou o crono en 05:48,71. Acto, seguido entrou Fran Rubio do Kayak de Foz, que se fixo coa prata, parando o crono en 05:01,96, só a 3,25 segundos de Marcos. O bronce foi para Adrián Padín do Portonovo que parou o crono en 05:06,75, 4,79 segundos por detrás de Fran, do Kayak de Foz.
Con estes resultados, Xoel e Fran afrontan con gran optimismo o próximo reto que será o 26 de xullo no embalse de Trasona (Asturias) coa disputa do Campionato de España de Pista de Novas Promesas.
K2
Desde as catro da tarde, os barcos de equipo estaban citados para disputar as series contrarreloxo clasificatorias para as distintas finais. O Club Kayak de Foz presentaba dous barcos de equipo: o K2 home infantil A formado por Xoel e Fran e o K2 muller infantil B formado polas irmás Paola e Naila García Neira.
Coa quenda das mozas do Kayak volveron dispoñer o barco ás medidas orixinais e saíron á auga a disputar a contrarreloxo con todas as ganas do mundo marcando o quinto mellor tempo na crono que lles deu o pasaporte para estar na final A.
Os dous K2 do Kayak estaban nas respectivas finais A, todo un gran logro, pero un problema se cernía sobre a participación nas finais. Cun barco avariado sen reparación posible in situ e cunha diferenza na saída das dúas finais de tan só oito minutos impoñíase solución rápida ao problema. E esa solución veu de mans do Club Naval de Pontevedra prestando un dos seus K2 que non ía utilizar. A primeira parte do problema parecía solucionada pero quedaba a segunda: como remarían nun barco descoñecido para eles?
Cos nove finalistas K2 na liña de saída e o K2 prestado de Xoel e Fran na rúa 4; a expedición do Kayak axiña saía de dúbidas sobre o rendemento dos rapaces nun barco descoñecido cando os viron evolucionar polo campo de regatas. Tras un intenso quilómetro e tras unha dura pugna, o K2 do Verducido de Gabriel Saavedra e Joaquín Iglesias cruzaba a liña de meta en primeiro lugar facéndose co ouro, parando o crono en 04:10,86. Tres segundos e medio máis tarde facíao o K2 do Kayak de Foz con Xoel e Fran. Paraban o crono en 04:14,42 conseguindo, deste xeito, a medalla de prata. Terceiro, e medalla de bronce, entraba o barco do Kayak de Vigo formado por Enríque Pérez e Alejandro Barros cun crono de 04:21,32.
Máis tarde, na quenda das mozas e entre as nove finalistas, atopábase o K2 do Kayak de Foz formado por Paola e Naila García Neira. As vencedoras, e medallas de ouro, foron Fátima Moreira e Alejandra Manso, do Cidade de Pontevedra cun crono de 04:53,51, seguidas de Araceli Baleirón e Lucía Otero do Náutico de Pontecesures cun crono de 05:01,23. Terceira foi a tripulación do Kayak Tudense formada por Nuria Romeu e Candela Fernández que pararon o crono 50 milésimas máis tarde que as mozas do Pontecesures.
A próxima cita do Club Kayak de Foz será no Campeonato de España Jovenes Promesas de Pista a disputar os próximos 25 e 26 de xullo no embalse de Trasona (Asturias) para infantís e cadetes.