Site icon Crónica3.com A Mariña

Xurxo Souto presenta “Contos do mar de Irlanda” en Alfoz

BSP 1Alfoz, 27 de xullo de 2015.- O xoves 30 de xullo ás 20:00 h., Xurxo Souto presentará o seu libro Contos do mar de Irlanda, no Bar San Pedro, de Alfoz.

O autor denomina estas presentacións “Océano para terrícolas”; trátase de encontros inspirados nas antigas troulas das tabernas mariñeiras onde o acordeón era imprescindíbel, por iso Xurxo Souto nunca esquece o instrumento e viaxa acompañado polos acordes das cantigas xurdidas nas travesías atlánticas.

A escolla do devandito local polo autor non foi casual, esta taberna tradicional galega (é restaurante, ultramariños, lugar de reunións veciñais…) mantén un vínculo co Gran Sol do que se falará no decurso do evento.

Xurxo Souto recuperou para a súa obra as historias persoais de centos de mariñeiros galegos que navegaron e navegan polo Atlántico; auténticos embaixadores dos nosos costumes nas costas irlandesas, quen chegaron a estabelecer lazos coa poboación local e mesmo acabaron formando parte da épica mariñeira da illa.

Contos do mar de Irlanda, editado por Xerais en 2014, vai pola terceira edición e está a revelarse como un auténtico traballo enciclopédico da actividade pesqueira contemporánea, non só da Galiza senón tamén doutros territorios europeos.

O bar San Pedro
O inmóbel que hoxe ocupa o Bar San Pedro (no barrio de Correlos, parroquia de Mor) está cargado de historia; o actual estabelecemento conta con 28 anos de actividade, polo que asistiu aos derradeiros anos da Feira de Correlos (desaparecida a finais dos ’80), mais anteriormente a casa xa tiña sido taberna noutras tres ocasións, escola (até comezos dos ´80), consistorio -a comezos do século XX), cárcere de mulleres na Guerra Civil (alí estiveron presas as fillas do mítico fuxido “Gardarríos” e aínda se conserva o fachineiro por onde lles subministraban o alimento dende o exterior ás famosas reas-, ou escenario de representacións teatrais, proxeccións cinematográficas e baile na década dos ’40.

Exit mobile version