Site icon Crónica3.com A Mariña

O IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos de Ribadeo inclúe novidade coma talleres de motocicletas e diagnose

Programa IV Forum Ribadeo 1-page-001Ribadeo, 25 de agosto de 2015.- Setenta e dúas persoas participarán no IV Fórum Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebrará desde este mércores en Ribadeo, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou este martes pola mañá que “as perspectivas son boas, hai unha serie de relatores importantes e incorpóranse actividades novas, como o taller de motocicletas, temas de diagnose e ademais vaise dedicar unha parte importante aos programas europeos nos que a asociación está traballando neste momento, pois hai tres proxectos en marcha”.

Nas instalación do hotel O Cabazo ata o venres “tamén se vai recordar a historia de Citroën, que é a marca que vamos expoñer este ano durante a mostra de vehículos clásicos do sábado e o domingo. Vamos ter vehículos do grupo Peugeot-Citroën, entre os que haberá algunhas reliquias importantes dos anos 1919 e 1920, que nos vai ceder unha empresa de Barres e que son un Peugeot e un Citroën Torpedo, que era como se chamaba no seu momento, que son dignos de que a xente veña a velos porque son dúas pezas de museo importantes. E tamén teremos vehículos novos, que están saíndo ao mercado agora”.

O IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos dará comezo mañá ás 10:00 horas coa conferencia que pronunciará Jaime García Aguado, que é profesor da Escola Robert Bosch. Ata o venres haberá charlas e talleres de soldadura, climatización, aerografía, moticicletas e diagnose.

Os asistentes ao evento chegan procedentes de Castela-León, Asturias, Navarra e Galicia, entre outras comunidades.

De xeito complementario Apaga organiza tamén a III Mostra de Vehículos Clásicos, que terá lugar os días 29 e 30 de agosto. Álvaro Doural conta que “os horarios de visita serán a partir das 10 da mañá ata as 14 horas e despois de 4 a 8 da tarde. Contaremos con máis de 20 vehículos clásicos e unha decena de coches novos; e incluso algúns estarán matriculados, para que a xente os poida probar. Estarán nos xardíns do hotel O Cabazo”. A entrada é gratuíta.

Exit mobile version