Burela, 19 de agosto de 2015.- A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello burelés impartirá 3 novos cursos na primeira quincena de setembro.
O 1 de setembro comezará a impartirse o curso Iniciación á Informática, actividade coa que se pretende dotar aos participantes das destrezas e coñecementos necesarios para manexar un computador dun xeito básico. Este curso vai dirixido a persoas sen coñecementos de informática, contará cunha duración de 12 horas, impartirase de luns a xoves en horario de 18:30 a 20:00 horas e finalizará o día 14 do mesmo mes.
O 2 de setembro iniciarase o curso Ofimática na nube, dirixido a persoas con coñecementos básicos de internet. Neste curso amosarase a crear documentos de texto, follas de cálculo, presentacións e formularios a través da internet coa ferramenta Google Docs. Tamén se amosará a manexar a ferramenta Google Drive para compartir ditos ficheiros con outras persoas. O curso contará cunha duración de 12 horas, impartirase de luns a xoves en horario de 16:00 a 17:30 horas e rematará o día 15.
E xa o 7 de setembro dará comezo o curso Procesador de Textos, dirixido a persoas con coñecementos básicos de informática. Con esta actividade amosarase a crear todo tipo de documentos de texto a través do programa libre Writer incluído no paquete ofimático LibreOffice. Dito curso contará cunha duración de 16 horas, impartirase de luns a venres de 10:00 a 12:00 horas e finalizará o 16 de setembro.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades as persoas interesadas poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo S/N, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/ ou enviando un correo á dirección: cemit.burela@xunta.es