Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Medio Ambiente de Cervo aclara que “o dispositivo de limpeza despois da Maruxaina triplicouse respecto a anos anteriores e foi rápido e eficaz”

Cervo, 12 de agosto de 2015. A concelleira de Medio Ambiente en Cervo, Manuela Méndez, lamenta o intento de desprestixiar a festa da Maruxaina por parte do BNG e aclara que o dispositivo de limpeza despois do festexo triplicouse respecto a anos anteriores e foi rápido e eficaz.

“Desde o Concello de Cervo lamentamos profundamente o desprestixio da imaxe da festa da Maruxaina que quere dar o BNG. Quere desprestixiar a festa, ao pobo de San Ciprián e ao propio concello, porque sabemos perfectamente que o dispositivo de limpeza este ano estivo triplicado con respecto a edicións pasadas”, manifestou hoxe Manuela Méndez, quen tivo palabras de agradecemento para os traballadores: “pola súa actuación rápida e eficaz quero transmitirlles o agradecemento de moitos veciños que así nolo comunicaron, despois de ver a limpeza realizada a primeira hora da mañá do domingo, sobre todo nos lugares máis importantes do pobo. Isto é un traballo que continúa en xornadas posteriores, posto que non é unha labor nin dun día nin de dous”.

A concelleira de Medio Ambiente comentou que a da Maruxaina “trátase dunha festa cunha aglomeración de xente impresionante e o que o máis nos importa neste momento é pensar en fomentar actitudes cívicas, algo que debemos facer entre todos. Debemos concienciar á xente de que o importante non é limpar a posteriori nin facer críticas. O importante é previr e entón o que temos que facer é unha campaña para que a xente sexa máis cívica”.

Méndez lamenta “que o BNG teña que dar esta queixa e desprestixiar a imaxe do pobo, cando sabemos que é unha festa de grande sona en todos os sitios, que todo se está a arranxar e a poñer no seu sitio desde o primeiro día e que por parte dos veciños, que son o máis importante para nós, non houbo ningunha queixa”.

Exit mobile version