Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación iniciará a próxima semana os traballos de desbroce e limpeza arredor do mirador de Mondoñedo

Mirador 1Mondoñedo, 26 de agosto de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anuncia que a próxima semana se iniciarán os traballos de desbroce e limpeza ao redor do Mirador de Mondoñedo, edificio de titularidade da institución provincial.

A presidenta explica que estas actuacións, que se acometerán con medios propios do organismo, supoñen un primeiro paso para a adecuación das inmediacións deste edificio, que na actualidade presenta un estado ruinoso tras o abandono ao que se viu sometido polo goberno bipartito na Deputación de Lugo.

Candia defende a imperiosa necesidade de levar a cabo estes traballos de adecuación do terreo que o rodea xa que a imaxe que ofrece, segundo engade a popular, é froito do “máis absoluto esquecemento ao longo de anos o que provoca que a maleza invada incluso a edificación”.

Proxecto de rehabilitación
A presidenta da Deputación de Lugo tamén anuncia o encargo ao Servizo de Urbanismo da redacción dun proxecto para a rehabilitación das estancias do edificio, sobre as que se pode obter un maior aproveitamento en función da súa localización e funcionalidade. Neste senso, Candia refire á prioridade de actuar nas zonas da cafetería e do restaurante.

A popular engade tamén que a previsión é a de que no próximo ano se materialice este proxecto e realicen as obras na edificación, tendo sempre en conta a normativa urbanística correspondente e, en base, a cuantificación económica que sexa contemplada no proxecto.

Petición de responsabilidades
A presidenta da institución provincial pide tamén responsabilidades ante o pésimo estado de conservación no que os socialistas e os nacionalistas deixaron o edificio, tal e como se pode comprobar nas fotos que se achegan.

“Sufrimos a incapacidade absoluta do anterior goberno provincial para xestionar os bens da súa titularidade, ata o punto de que o bipartito recibiu un edificio en funcionamento que agora nos deixaron en pésimas condicións despois de intentar malvendelo e mesmo cedelo neste estado a outras administracións, amparándose incluso en iniciativas que ían en detrimento da localidade”, lembra Candia.

Pola contra, a presidenta da Deputación concluíu ao asegurar que “a nosa proposta e a de desenvolver nesta localidade un proxecto que poda darlle un pulo económico e social ao municipio no que se asenta e, deste xeito, poñer en valor un ben de titularidade provincial”.

Exit mobile version