Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación iniciará na provincia unha campaña de promoción do consumo de leite producido en Galicia

xunta-gobLugo, 28 de agosto de 2015.- A presidenta da Deputación, Elena Candia, anunciou que dende o goberno provincial se adoptou a decisión de iniciar unha campaña para promocionar a marca de leite Galega 100% (selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior) na provincia e, deste xeito, incentivar o consumo do produto galego.

Candia explica que deste xeito unímonos ao traballo da Xunta de Galicia, xa que “con máis apoio institucional o alcance tamén será maior” e , neste senso, a presidenta matizou que a campaña se desenvolverá en coordinación cos hostaleiros a través da Asociación Provincial de Hostalería. “Traballaremos cuns dos principais consumidores directos de leite, para que vendan produto galego 100% o que tamén terá un efecto de imaxe para os seus clientes”.

Deste xeito, a presidenta da Deputación engadiu que hoxe arrincou esta proposta de campaña que foi ben acollida pola hostalería e que a próxima semana prevese unha reunión co presidente da asociación Provincial para concretar esta acción, o seu deseño e a súa dotación económica que “será o máis ambiciosa posible, sumándonos á campaña da Xunta de Galicia”.

Candia asegurou que se está a cumprir cunha das demandas que lle transmitiu o sector: a de que o consumidor “de xeito áxil visualice que ese leite é 100% galego”, así as administracións temos que “desenvolver un traballo de colaboración, neste caso coa Xunta de Galicia, que tamén sacou adiante unha campaña para promocionar a marca, e que un veciño que toma este leite saiba que está a axudar ao sector primario e aos nosos gandeiros que están a pasar un momento complicado”.

Por último, a presidenta da Deputación lembrou o compromiso do goberno provincial de “axudar a este sector a medida que nolo ía pedindo e pese a non ter competencias”. Nesta liña, dende o goberno provincial tamén se cursaron as súas demandas na Granxa Gayoso Castro a través do peche da unidade de leite, para non facerlle competencia desleal ao gandeiro

Comprometidos co sector pesqueiro
A Deputación de Lugo concede á Federación Provincial de Confrarías unha subvención directa excepcional para dotar de medios materiais (traxes de neopreno) aos mariscadores activos afiliados ás confrarías; así como para divulgar e promocionar as actuacións que realiza a Federación.

O deputado delegado de Pesca, Demetrio Salgueiro, defendeu a importancia desta subvención que permitirá, por un lado, dotar ás mariscadoras dos medios materiais para que podan garantir con seguridade o seu traballo e, por outro lado, as accións de promoción do sector pesqueiro son fundamentais para de forma conxunta dar a coñecer os produtos da provincia.

A contía da axuda é de 19.000 euros e cubrirá o 95% do custe do proxecto. En concreto, para a divulgación, promoción e publicidade das actuacións que realiza a Federación, o importe da subvención é de 11.400 euros; mentres que para a dotación de medios materiais, a contía é de 7.600 euros.

Salgueiro resaltou a importancia desta axuda xa que “hai que ter en conta que a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo aglutina a todas as confrarías da provincia, representando á totalidade dos axentes implicados no sector pesqueiro”. O deputado engade que “está fóra de toda dúbida que o sector pesqueiro representa un dos motores económicos da provincia, sendo necesaria a aplicación destas axudas na defensa e fomento do sector pesqueiro”.

“Estamos a cumprir coas demandas que nos trasladaron na reunión mantida co sector”, explicou Salgueiro, quen lembrou que xa se aprobou a concesión de 33 subvencións a propietarios de embarcacións de pesca de baixura, por un importe total de 95.285,07 euros. “Defender, fomentar e axudar ao sector pesqueiro supón garantir o sustento dun número moi importante de traballadores, axudar a fixar poboación nas localidades costeiras e contribuír na consolidación do importante entramado económico que xera ao seu carón, entre outros”, matizou o deputado

Facilidades administrativas para concellos e entidades
A presidenta da institución explicou que se continúan a facilitar os trámites administrativos tanto a concellos como a comunidades e asociacións para que podan xustificar as súas actividades en prazo e non perdan a subvención concedida pola administración provincial.

En concreto, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a prórroga de prazo de execución das actividades subvencionadas ao abeiro do Programa de mellora de abastecemento e da calidade de auga no medio rural, de tal xeito que este prazo se amplía ata o 30 de setembro. A maiores, tamén se deu conta de varias addendas a convenios de colaboración con municipios, nas que se amplía o prazo de execución ata o 31 de decembro.

Continúase con normalidade o desenvolvemento do Ben Empregado
A web da Deputación de Lugo publicou este venres a listaxe de demandantes de emprego admitidos e excluídos na segunda fase do Ben Empregado II. Finalizouse a tramitación das 1737 solicitudes recibidas ao abeiro deste plan, para acceder a un dos 304 postos de traballo que ofrecen as empresas beneficiarias do Ben Empregado. Do total de solicitudes recibidas e unha vez requirida a documentación necesaria, 1520 adecuáronse as base, mentres que 217 non compren con elas. En setembro iniciarase o proceso de entrevistas, así na semana do día sete colgaranse as citacións.

A maiores, dentro do Ben Empregado II, as empresas beneficiarias entregaron a documentación requirida en forma e prazo, agás unha delas e, a maiores, tres empresas renunciaron a subvención.

No que respecta ao Ben Empregado I, cubríronse 6 perfís desertos a raíz de que os traballadores seleccionados no seu momento renunciaran ao posto ou non superaran o período de proba coa empresa. Do mesmo xeito e por motivo de renuncias por parte de trece empresas adxudicatarias dentro do programa Ben Empregado I, convocáronse 13 novos perfís que despois dos requirimentos e emendas tamén se publica a listaxe de admitidos e excluídos.

Polo tanto, Candia reiterou que este procedemento se está a resolver dun xeito áxil e o informes técnicos avalan que a día de hoxe o Ben Empregado segue sen incidencias e con normalidade.

Outros asuntos aprobados en Xunta de Goberno
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o expediente de contratación da subministración de consumibles para a racionalización dos equipos de impresión, xunto ao prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas, así como o procedemento de adxudicación, e o gasto por un importe de 48.400 euros (IVE incluído).

De igual maneira, deuse conta neste órgano do modelo de convenio e da relación de alumnos que participarán na acción formativa Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo, Infantil e Xuvenil, concedido pola Xunta de Galicia, dirixido prioritariamente a desempregados, cun orzamento de 20.358 euros. Tamén se aprobaron os lugares nos que se realizarán as prácticas.

Por último, tamén se aprobou o plan de seguridade e saúde no traballo da obra de rehabilitación do firme na estrada provincial LU-P-5206 da C.N. 634, na Devesa, á praia dos Castros, en Ribadeo.

Exit mobile version