Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación publicará esta semana a listaxe de admitidos e excluídos no Ben Empregado II

Lugo, 26 de agosto de 2015.- O deputado de Emprego, José Antonio García, anunciou que esta semana se publicará na web da Deputación de Lugo a listaxe de demandantes de emprego admitidos e excluídos na segunda fase do Ben Empregado II.

José Antonio García explicou que o goberno provincial finalizouse a tramitación das 1737 solicitudes recibidas ao abeiro deste plan, para acceder a un dos 304 postos de traballo que ofrecen as empresas beneficiarias do Ben Empregado na súa primeira fase. O deputado indicou que do total de solicitudes recibidas e unha vez requirida a documentación necesaria, 1520 adecúanse as bases, mentres que 217 non compren con elas.

Neste senso, o responsable da área de Emprego engadiu que en setembro se iniciará o proceso de entrevistas para seleccionar aos traballadores que cubrirán os 304 postos de traballo, que demandan as 285 entidades beneficiarias do Ben Empregado, das cales 245 son empresas e 40 asociacións.

Polo tanto, e segundo engadiu José Antonio García, este procedemento estase a resolver dun xeito áxil tendo en conta o elevado número de solicitudes. A maiores, dentro da normalidade que se está a dar neste proceso, o deputado tamén explicou que das 285 entidades beneficiarias que estaban condicionadas a entrega de documentación establecida nas bases, tan só unha delas non entregou a documentación requirida en forma e prazo. José Antonio García tamén manifestou que tres delas renunciaron de forma voluntaria.

Ben Empregado I
En relación co Ben Empregado I, José Antonio García tamén explicou que se cubriran seis perfís desertos a raíz de que os traballadores seleccionados no seu momento renunciaran ao posto ou non superaran o período de proba coa empresa. O deputado engadiu que se está a seguir o procedemento establecido nas bases e así, na Xunta de Goberno do venres aprobarase a proposta cos seis novos beneficiarios que se incorporarán a estes postos.

Comprometidos coa creación de emprego
Neste senso, o deputado responsable de emprego resaltou que os feitos demostran o compromiso do goberno provincial coa creación de postos de traballo “aproveitando todos os recursos que ofrece a administración”.
“Tanto dende a oposición como agora con responsabilidades de goberno, deixamos patente o noso compromiso coa creación de emprego e rexeitamos calquera iniciativa ou declaración que utilice o desemprego como medio para facer política ou obter calquera tipo de beneficio electoral”, asegurou.

“A liña a seguir polo goberno da Deputación de Lugo é a do trato igualitario entre desempregados e a de garantir a igualdade de oportunidades entre todos os lucenses que están a buscar un posto de traballo”, conclúe.

Exit mobile version