Site icon Crónica3.com A Mariña

A DXT inicia este luns unha campaña especial de vixilancia de consumo de alcohol e drogas entre os condutores

9 de agosto de 2015. – A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha dende este luns, día 10 de agosto, unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores que se estenderá ata o próximo domingo.

Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán, durante toda a semana, os controis deste tipo a condutores nas vías galegas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de ocio nocturno.

A Delegación do Goberno recorda que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.

No ano 2014, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 39,09% deles presentaban unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 gr/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 39,88% no caso de peóns falecidos pola mesma causa. E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada do seu ámbito, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxestión de alcohol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.

Cambio de hábitos
A DXT detectou un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia no último decenio. En España pasouse do 5,1% inicial ao 1,7% dez anos despois e o propósito da DXT é baixar do 1% os positivos nos controis preventivos, tal e como se fixou ao deseñar a Estratexia de Seguridade Vial para o decenio 2011-2020.

En todo caso, a Delegación do Goberno quere advertir de que esta evolución non significa que se eliminase o risco. O obxectivo, tanto desta nova campaña especial coma dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura, recórdase, é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxestión de alcohol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente.

Á parte do alcohol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta ás capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de substancias psicoactivas será tamén obxecto de control nesta campaña especial.

Resultados da campaña anterior
Na campaña equivalente desenvolvida en verán do pasado ano, realizáronse un total de 14.760 probas de alcoholemia e 86 de drogas na rede viaria galega, resultando positivos 223 en alcohol e 29 en drogas.

Exit mobile version