Un deses exemplos foi a recente reunión convocada polo Concello de Ponteareas xustamente o día de San Bartolomeu, patrón de Xove, onde as persoas afectadas decidiron erguerse do cómodo sofá no que continúan sentados algúns rexedores municipais mentres a vespa velutina continúa a expandirse. Hoxe trátase dos sectores da apicultura e da fruticultura, pero mañá pode ser calquera outro.
Algunhas das medidas aprobadas pola veciñanza desta localidade pontevedresa atinxen algúns aspectos que cómpre salientar:
– Propoñer á Consellaría do Medio Rural que habilite un fondo para que os municipios afectados poidan adquirir as ferramentas necesarias para eliminar os niños de avespa asiática.
– Promover que sexan as propias administracións locais as que realicen a labor de retirada dos avesporeiros en colaboración co ramo apícola, tendo en conta a ineficacia de Tragsa neste tipo de traballos.
– Pedirlle á Xunta de Galiza que intensifique a distribución de trampas para colocar no vindeiro outono e na próxima primavera.
– Solicitar da Administración autonómica que desenvolva traballos de investigación neste eido, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura, debido ao descoñecemento de moitos aspectos no comportamento deste insecto.
– Poñer en marcha cursos de formación nesta materia para o persoal do Corpo de Bombeiros e do Servizo de Protección Civil e Emerxencias.
– Informar a poboación sobre os perigos da presenza desta especie na comarca do Condado e sobre os pasos a seguir no caso de detectaren algún niño da velutina.
– E por último, pedirlle á Consellaría do Medio Rural que realice unha declaración oficial da existencia dunha PRAGA de avespa asiática, admitindo os grandes prexuízos económicos e medioambientais que está a provocar.
O modelo ponteareán tamén se podería aplicar na Mariña tras a súa adaptación ás circunstancias propias da nosa bisbarra. Porque os bos exemplos débense compartir, aínda que para iso é obrigado sermos de mente aberta. Esa é a gran diferenza entre os sabios e os resabidos. Os primeiros actúan. Os segundos presumen.
Marco López
(Voceiro Nacionalista en Xove)
28/VIII/2015