Barreiros, 20 de agosto de 2015.- A Rede de voluntariado Local e o Concello organizan, en colaboración con dous equipos de fútbol sala e a Federación Galega de Fútbol Sala, un partido benéfico, que terá lugar este sábado, 22 de agosto, ás 20 horas no pavillón municipal.
O encontro disputarano o Praias de Barreiros FS e o Prone Lugo FS. A entrada será única de 2 euros para adultos e nenos e o recadado será integramente entregado á Asociación Pel de Mariposa, Debra España. “Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que axuda a nenos e nenas cunha enfermidade xenética, pouco frecuente e incurable, cuxa consecuencia máis característica é a fraxilidade da pel, de forma que o máis mínimo roce lles provoca vexigas e feridas”, explican desde o Concello.
Este partido enmarcase dentro das actividades do V Día Solidario que organiza anualmente a Rede de Voluntariado Local do Concello de Barreiros, o colofón final destes actos solidarios terá lugar o 18 de setembro cunha cea baile benéfica, tamén a prol da Asociación Pel de Mariposa, Debra España. Neste último evento contarase coa presenza dun integrante da propia entidade e faráselle a entrega do recadado.
Os interesados poden atopar máis información sobre a actividade de Debra na páxina http://www.pieldemariposa.es/