Site icon Crónica3.com A Mariña

A segunda “Ponte literaria” congrega a autores, estudosos e experimentados lectores no Valadouro

Cumpriuse o obxectivo da comisión organizadora da Ponte Literaria e a convocatoria do mércores 26 logrou congregar un grupo de persoas con importantes coñecementos literarios, feito que orixinou un intenso e fecundo coloquio tralas lecturas.

Tratábase este dun dos obxectivos máis buscados pola organización, chegar a reunir un auditorio formado por autores, estudosos e experimentados lectores, para poder desta maneira crear unha mesa de opinión que transcenda o clásico clube de lectura.

Comezou o dramaturgo Xesús Pisón lendo un texto dramático, a seguir pediu a colaboración do tamén dramaturgo Manuel Lourenzo para dar lectura a un diálogo titulado María e Flora.

Tamén houbo espazo para a poesía, e resultou especialmente emotivo o momento en que Pisón leu o poema Montesía lembranza, de Arturo Mogo (escritor do Valadouro residente en Ribadeo que non puido asistir ao encontro), composición adicada a Miro Casabella (cantor do Valadouro homenaxeado polos seus veciños o pasado verán) na que asemade se fan referencias á paisaxe e á historia do Valadouro.

No coloquio posterior incidiuse nas influencias máis insospeitadas que un autor pode recibir á hora de crear; recordos de vivencias da infancia, novelas lidas na adolescencia (nomeáronse títulos como Frankenstein, Drácula ou Moby Dick), ou mesmo os mitos que subxacen no subconsciente colectivo ao longo da historia da Humanidade; chegouse á conclusión de que Edipo rei de Sófocles e Hamlet de Shakespeare, son recreacións dun mesmo mito que acompañou o ser humano ao longo da historia, mitos que en moitas ocasións inspiran a creación literaria sen que o escritor sexa consciente dese recurso argumental.

Exit mobile version