Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia incorpora 4 centros lucenses máis ao proxecto de libro dixital E-DIXGAL

Lugo, 8 de agosto de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou xa a resolución provisional pola que se incorporan novos centros ao proxecto de libro dixital E- DIXGAL, enmarcado no Proxecto Abalar, estratexia para integración das TIC no ensino desenvolvida pola Xunta de Galicia. Segundo esta resolución, incorporaranse á iniciativa o vindeiro curso un total de 4 centros lucenses. Deste xeito, o número total de centros participantes no proxecto da provincia elevaríase a 15.

En concreto os centros de nova incorporación na provincia serían o CEIP de Covas (Viveiro), e os CPI de Castroverde, Tino Grandío (Guntín), e Plurilingüe de Navia de Suarna.

De acordo a estes resultados provisionais, o vindeiro curso haberá en Galicia un total de 110 centros incorporados á iniciativa, dos que 26 serían de nova incorporación. Así, o previsto é que no vindeiro curso 2015/2016 os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 6.000 alumnas e alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO de toda a Comunidade Autónoma.

Plataforma virtual
Os contidos didácticos albérganse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder, tanto de xeito online como offline, a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias, facilitados pola Xunta, como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Nesta plataforma, os centros que o desexen poderán analizar unha mostra dos novos contidos dispoñibles para este curso.

No curso 2014/2015 xa gozaron destes materiais un total de 2.300 estudantes de 5º de Primaria de 84 centros educativos de toda Galicia.

Exit mobile version