Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano convida a participar na Feira do Libro de Burela que contará con varias actividades paralelas

Burela, 28 de agosto de 2015. O alcalde, Alfredo Llano, referiuse este venres á programación da I Feira do Libro, que bota a andar este sábado ao mediodía na praza da Mariña. Segundo o rexedor esta actividade contribuirá a agrandar a programación cultural da que poden gozar os veciños de Burela, unha das prioridades do seu programa electoral.

Llano considera que “a cultura é unha parte moi importante da vida dos nosos veciños ou debe de selo e, por iso, hai que dar todas as facilidades posibles para que isto que nos parece tan importante e tan desexable para complementar a vida diaria dos nosos veciños sexa unha realidade que se agradeza e se goce”. O alcalde subliñou que “imos tratar de que a cultura sexa un referente clave no noso municipio. Imos traballar duro neste aspecto, tanto na Feira do Libro, como na organización de actividades teatrais, musicais e calquera outra cuestión que poida interesarnos para desenvolver a nosa cultura”.

As actividades da Feira do Libro de Burela botan a andar mañá sábado ao mediodía. O concelleiro de Cultura, José Díaz, será o encargado de presentar á escritora convidada de ler o pregón, Marta Sanz: “é unha escritora que xa gañou varios premios de narrativa e consideramos que é unha boa persoa para inaugurar esta Feira do Libro. Así que invito a todos os veciños e toda a xente que estea pola comarca da Mariña que se aproxime e poda gozar deste primeiro encontro con Marta Sanz”. Como convidada e madriña do evento na inauguración participará a actriz Belinda Whashington.

Alfredo Llano declárase satisfeito co número de librarías que se achegarán a esta feira que celebra a súa primeira edición: “veñen moitas librerías para ser a primeira vez que se fai. Contamos con entre oito e 10 librerías. Haberá varias da nosa localidade, tamén da comarca e de Santiago, entre outros lugares. Vai ser unha boa representación e vai ser moi interesante a oferta de libros e de outras publicacións, que se poderán atopar en Burela”.

Outro dos atractivos desta cita será a variedade de oferta cultural: “hai que atraer o máximo de xente posible a esta feira e por tanto imos complementala con moitas actividades tanto para nenos como para adultos. Haberá conferencias, presentación de libros, sobre narrativa, poesía e obradoiros de encadernación a través de Gaia, entre outras posibilidades. Ademais de haber a exposición de libros e escritores por alí preto vai haber complementos que van ser atractivos para darlle valor a esta Feira de Libro de Burela”.

O alcalde burelés amosouse “moi optimista e moi contento de que estas iniciativas sexan unha realidade. Esperamos que sexa un éxito para que a xente poda achegarse aquí e gozar do que imos aportar nós na praza da Mariña. A Feira vai estar aberta o sábado e o domingo. Queremos que todo o mundo que teña interese pola cultura a través do libro se poda achegar. Non se van aburrir porque van ter moitos complementos, sexa en actividades, presentación de libros, conferencias e encontros con diversos escritores que van estar presentes, uns de Galicia e outros de fóra, e que van estar para poder falar con eles e poder ter as sinaturas dos seus libros. Creo que é un abano moi grande, unha gran posibilidade e unha gran oferta cultural do noso concello, cara o noso municipio, pero tamén cara a Mariña de Lugo e mesmo a provincia”.

Exit mobile version