Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano e Mariña Gueimunde reuníronse en Burela para abordar cuestións relativas ó inicio do curso e obras pendentes

Burela, 26 de agosto de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro no Concello coa xefa territorial da Consellería de Educación na provincia de Lugo, Mariña Gueimunde, coa que abordou cuestións relativas ao inicio do vindeiro curso escolar e a obras pendentes de executar.

O rexedor contou que “estivemos a falar aquí, no Concello de Burela, de temas que nos preocupan agora mesmo, como obras que se queren realizar, e tamén de asuntos relacionados co alumnado e doutros relativos ao ensino en Burela”.

Llano explicou que “nesta primeira reunión, que maduraremos xa a vindeira semana, propuxémoslle a realización de melloras no pavillón de Os Castros, onde temos que cambiar a cuberta, obra que imos intentar facer para o ano que vén. E tamén nos interesamos por como van as obras no IES Perdouro, onde se vai facer unha ampliación para favorecer a Formación Profesional Básica nese instituto. Sabemos que van empezar inmediatamente e estivemos mirando os prazos previstos e interesámonos por outras cuestións relativas a esas obras, porque pensamos que son fundamentais e a ver se é posible poñelas a funcionar ao longo deste vindeiro curso”.

O alcalde burelés engadiu: “tamén falamos de temas referidos ao colexio Vista Alegre, concretamente sobre o comedor, que parece ser que para este curso vaise xestionar a través da Xunta de Galicia”. Para Alfredo Llano “en xeral foi un primeiro contacto e quedamos de seguir en comunicación para ver aqueles temas que nos poden interesar a ambos os dous para que o Concello de Burela e a Consellería de Educación teñamos unha colaboración mutua neses asuntos”.

Exit mobile version