Site icon Crónica3.com A Mariña

Álvarez critica que “o surrealismo e a ditadura se adueñen do pleno municipal de Lourenzá”

Lourenzá, a 27 de agosto do 2015.- Unha vez máis o equipo de goberno do Concello de Lourenzá malgasta fondos públicos na celebración dun pleno extraordinario, censura a voceira dos populares, Emma Álvarez, quen critica que o “surrealismo e a ditadura se adueñen do pleno municipal”.

Álvarez asegura que o desprezo ao traballo da oposición deixouse patente nun pleno moi tenso no cal se puxo palpable que “os socialistas aínda non asumiron que están gobernando e que teñen que tomar decisións, e que, o traballo de oposición é precisamente fiscalizar o seu traballo”, matizou.

A voceira dos populares explica que “o Sr. Arango, portavoz socialista en máis dunha ocasión levantou o ton de voz para impoñer o seu criterio dicindo que ían a facer o que eles consideraran oportuno. Están no seu dereito, pero, por si non se decataron, estamos en democracia, a ditadura non existe dende o 1975 e a lei ampara aos grupos da oposición para propoñer iniciativas, a non ser que agarden que o grupo municipal popular faga o mesmo papel que fixo a Sra. Alcaldesa como portavoz do seu grupo na oposición, NADA, é dicir cero iniciativas”.

Enma Álvarez lamenta tamén que “despois de que o Sr. Arango interrompera o debate en varias ocasións, non tivo reparos en levantar a voz” e chamar “maleducada” a portavoz popular, por facer alusións a que o voceiro, ao non saber responder a preguntas da oposición sobre o texto das mocións xenéricas que presentou (tanto valen para Lourenzá como para a Fonsagrada como para o Barco de Valdeorras), “non as lera. Este é o talante dos socialistas en Lourenzá”.

VETO Á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Ante o encadeamento de mortes violentas e outros graves delitos contra mulleres, nenos e nenas acontecidos ao longo da xeografía estatal durante este verán, onte mesmo outra muller foi vítima desta lacra en Xaen, na mañá de onte, coincidindo que a tarde se ía celebrar un pleno municipal, o grupo municipal do partido popular promoveu unha declaración institucional dos tres grupos de apoio ás vítimas de violencia de xénero e firme condena aos maltratadores. Despois de ser consultado o portavoz nacionalista manifestou o seu apoio ao texto borrador redactado por este grupo, “curiosamente a Sr. Alcaldesa non amosou a sensibilidade necesaria con esta lacra, non fixo ningún amago de consenso do texto e excusouse na secretaria para vetar unha iniciativa popular breve, concisa e concreta que non pretendía ningún rédito partidista, cando a función da secretaria nun pleno municipal ante unha declaración institucional é unicamente a de recollela na acta”.

“Limitáronse os socialistas a dicir que levarán este tema ao vindeiro pleno, pero, non sen antes, o Sr. Arango, o alcalde de Lourenzá na sombra, anunciar que politizará un tema tan sensible que, desgraciadamente ninguén de nos está libre”.

O MERCADO DAS PRAZAS NO AIRE
Noutro orden de cousas, a iniciativa popular de retomar o Mercado das Prazas con carácter quincenal os domingos no noso concello sigue á espera de que o grupo de goberno mostre a firmeza necesaria para poñelo en marcha.

Despois de moitas trabas administrativas, un dos últimos plenos da lexislatura pasada, o celebrado o 28 de abril daba luz verde a celebración destes mercados para a venda dos excedentes de produción das explotacións agrogandeiras e dos traballos dos artesáns locais. Naquel pleno, aprobouse a ordenanza que o rexe quedando pendente a taxa a aplicar.

Dende aquela, no día de onte, por fin se debatía este tema, o grupo de goberno propoñía unha taxa de 5 €/ domingo para cada un dos 10 postos que aínda están pendentes de adxudicar.

A idea do anterior grupo de goberno era iniciar este mercado a finais da primavera coincidindo coa plenitude das colleitas agrícolas e coa presenza de máis público obxectivo para o mercado, visto que mudou este escenario o grupo popular propoñía que estiveran exentos polo menos no inicio ata consolidar o mercado.

Logo dun longo debate no cal se fixeron distintos amagos de chegar a acordo, finalmente a Sra. López, despois de demostrar que non coñecía a ordenanza, retirou este punto da orde do día para tratar nun pleno posterior, algo que a este grupo lle parece que roza o absurdo, catro dos seis concelleiros, catro, estaban na lexislatura anterior e aínda que todos non foron ao pleno no que se debateu, a Sra. Alcaldesa si estaba presente e tiñan toda a documentación no seu poder, máxime si temos en conta que agora gobernan.

Este grupo non entende a falta de criterio do grupo de goberno, primeiro aceptando un acordo e logo dun debate interno “dos dous alcaldes” e a secretaria, retiralo da orde do día. Pedímoslle a Sra. López que sexa firme e que goberne.

ADAPTACIÓN DOS PARQUES INFANTÍS
O grupo municipal popular propuxo ao equipo de goberno que do suplemento de crédito de 45.000 € que foi aprobado e que contou cos votos a favor deste grupo, a parte que non está comprometida con facturas ou para facerlle fronte a distintas subvencións que este grupo deixou tramitadas, que o destinen a adaptar á normativa vixente os dous parques infantís que aínda non o están, o do Ranchito e o de Oural.

Recordamos que durante o ano 2014 adaptáronse 7 dos 9 parques infantís que existen no concello, quedando estes dous, os menos frecuentados, sen poder facelo por falta de presuposto.

DECLARACIÓN UNÁNIME DE APOIO O SECTOR LÁCTEO
Ante a moción xenérica presentada polos socialistas en todos os concellos, na Deputación e no Parlamento o grupo municipal do partido popular manifestou a través da súa portavoz que “ nos non somos títeres de ningún partido, para nós os gandeiros son a prioridade por riba da loita partidista que, ao noso xuízo está fora de lugar neste foro”.

Continuou dicindo que “a ninguén se lle escapa a grave situación que están a pasar os traballadores do campo, concretamente os gandeiros de leite a consecuencia da sobreprodución e un desaxuste entre a oferta e a demanda, non é a máis grave crise recente, desgraciadamente a inestabilidade do sector palpouse xa en varias ocasións neste século, por iso que, nós creemos na unidade e no consenso de todas as forzas na defensa do sector lácteo, cremos que deberíamos trasladar dende esta institución o noso apoio unánime a todo o sector, por ese motivo propoñemos a sr. Presidenta transformar esta moción nunha declaración institucional de apoio ao sector lácteo”
Para o grupo municipal no texto presentado, hai moitos puntos que se poden matizar, pero ao non ser o pleno municipal o lugar para defender a xestión dun ou doutro goberno, decidimos non entrar no debate e non enumerar as distintas medidas que se puxeron en riba da mesa por parte dos gobernos central e autonómico limitándose a con este xesto o apoio incondicional deste grupo municipal aos gandeiros e gandeiras de Lourenzá, por que nós consideramos que non se trata de quen sae máis nas cámaras ou quen sae máis adiante nas manifestacións, o que importa é o sector e a súa recuperación.

MALGASTO DE FONDOS PÚBLICOS
Acolléndose ao artigo 80.1 do ROF, a voceira popular antes do inicio do pleno pide explicacións pola convocatoria dun pleno extraordinario, xa que a súa convocatoria non estaba motivada, tal como debera e recolle o citado artigo. A Sr. Alcaldesa manifesta que se fixo por que a Secretaria do Concello vai coller vacacións. Ao grupo municipal do PP parécelle un feito que non avala a necesidade de convocar un pleno extraordinario (que supón un custo de preto de 800 €) por dous motivos, “en menos dun mes ten que celebrarse un pleno ordinario e os asuntos da orde do día podían agardar a ese pleno e tamén porque en mais ocasións se celebraron plenos asistidos pola secretaria en funcións do concello, sen ir máis lonxe o pleno convocado pola Sra Alcaldesa como extraordinario e urxente para fixarse o seu soldo”.

Ante a advertencia da portavoz popular, o Sr. Arango propuxo que se renunciaran as dietas do pleno, algo que o grupo municipal do partido popular rexeitou aludindo que todos “temos as nosas responsabilidades que deixamos para asistir a este pleno, non renunciamos as dietas para compensar o pasotismo do grupo de goberno, non vamos a renunciar a elas, témolo feito en varias ocasións durante a última lexislatura, pero nunca o vamos facer para tapar un fallo organizativo do grupo de goberno”.

Exit mobile version