Site icon Crónica3.com A Mariña

Armesto: “Aos socialistas só lles preocupa garantir subidas salariais dos seus afíns na Deputación en detrimento do 80% dos traballadores da institución”

Lugo, 27 de agosto de 2015.- O voceiro da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, amosou este xoves a súa sorpresa ante as declaracións dos socialistas que “unha vez máis son froito da mentira” e detrás das que “claramente esconden unha soa intención, a de que se aprobe unha RPT deseñada polo PSOE para garantir a subida salarial dos seus amigos políticos, o que vai en detrimento do 80% dos traballadores da institución”.

“Mesmo dende a oposición seguen preocupados por blindar aos seus axentes electorais, para os que tiñan estipuladas subidas salariais, superiores ao importe do Salario Mínimo Interprofesional. Recibirían só en subidas uns 900 euros, máis do que cobra un traballador que percibe o Salario Mínimo Interprofesional ”, lembra Armesto. “Esta medida que deixaron os socialistas e que os populares nunca aprobaremos, favorece a uns poucos que gañan preto de 5.000 euros deixando na cuneta á gran maioría do persoal da institución”, asegura o popular.

O voceiro dos populares lamenta que este sexa o “socialismo e a defensa do emprego da que presume Álvaro Santos, todo para os seus e só para uns poucos. As subidas salariais deben motivarse na obxectividade, sen darse discriminacións, atendendo a criterios do posto e non por razóns de pago de favores políticos”.

Carlos Armesto pídelle aos socialistas que deixan de utilizar o desemprego como arma electoralista e que non recorran á mentira para xerar alarma tanto entre os traballadores como entre os desempregados. “Emitimos informes técnicos que demostran que o Ben Empregado se está a desenvolver con normalidade e sen ningún tipo de incidencia e estamos a seguir os procedementos administrativos establecidos para que os traballadores tomen posesión dos seus postos de traballo”, explicou.

“Os socialistas apuran cando o beneficio recae nalgún deles, chega con comprobar o tempo que lles levou á hora de desenvolver algunha oposición respecto a outras e invitámolos a que comproben os datos”, matizou Armesto, quen engadiu que a incompetencia do PSOE e a tardanza e irresponsabilidade na execución de proxectos, como o do Pacto Provincial polo Emprego, “é o que provoca que os populares teñan que apresurar os procesos de contratación para desenvolvelos. Eles si que só buscaban titulares e bloqueaban os proxectos”.

Por último, Carlos Armesto reincidiu en que os feitos demostran que o compromiso do goberno provincial coa creación de postos de traballo “é absoluto, e estanse aproveitando todos os recursos que ofrece a administración”.

Exit mobile version