Nestes intres, quen ve un niño de vespa chama de xeito voluntario (se lle peta) ao 112 e entón acode a empresa Tragsa para retiralo e destruilo. Dende a Administración local informáronnos de que en menos de 48 horas estaba o traballo feito, pero a realidade contradí esta afirmación na meirande parte dos casos.
A nosa proposta, a do grupo municipal nacionalista, consistía en contratar persoal especializado ou formar traballadores da dotación do concello para non só destruír os niños, senón adicarse de xeito exclusivo á súa localización e exterminación, alomenos durante a época que teñen máis actividade estes insectos (uns seis meses). Pero, unha vez máis, a resposta do PP foi “NON” de novo, argumentando que o protocolo está funcionando ben e que unicamente se a cousa vai a máis tomarán outro tipo de medida.
Se cadra está funcionando ben (segundo como se mire), mais estamos convencidos de que tal e como o propoñemos nós funcionaría mellor. Esas medidas que din que tomarían dende a Alcaldía “se a cousa vai a máis”, hai que levalas adiante xa porque é obriga dos políticos bos e xenerosos adiantarse aos feitos. Non debemos agardar a que as velutinas roian á xente gravemente ou a que destrúan todos os enxames de abellas que hai no municipio. Se podemos dispoñer de máis medios para minguar a incidencia do problema (e en Xove podemos), debémolos poñer en práctica canto antes e contando sempre co asesoramento da xente que máis sabe deste tema: os apicultores.