Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG, FPF e PSOE de Foz unidos pola Escola Municipal de Música

Foz, 27 de agosto de 2015. Os membros da oposición da Corporación Municipal no Concello de Foz veñen de presentar xuntos a solicitude dun Pleno Extraordinario a celebrar o próximo luns 31 de agosto.

Pretenden debatir neste Pleno temas tan importantes como a situación actual da Escola de Música Municipal e adoptar posibles medidas para mellorala.

A Escola de Música Municipal leva máis de 20 anos formando a focegos e focegas e enriquecendo a vida cultural da vila. Temos que estarlle agradecidos por todo o bon traballo que levan feito e pola súa dedicación a pesar das condicións precarias en que tiveron que desenvolver ata o de agora o seu traballo. Pensamos que é hora de facer xustiza e de facilitarlle á Escola e aos seus membros unhas mellores condicións educativas, laborais e orzamentarias.

En primeiro lugar solicítase que se estude pormenorizadamente o proxecto proposto pola Escola para ampliar a oferta educativa, así como as prazas dispoñibles e os horarios. Cremos que é de xustiza non só permitir, senon facilitar que a escola medre e evolucione segundo as súas necesidades e as demandas dos veciños e veciñas.

En segundo lugar, esíxese que se estude o proxecto económico, que inclúe os ingresos vía taxas de matriculación e os gastos estimados de contratación de profesorado nunhas condicións mínimas de estabilidade laboral. Non podemos aspirar a ter unha formación musical da mellor calidade se os profesores non contan cunhas mínimas condicións laborais. Actualmente contan na Escola de Música de Foz con algún dos profesionais máis respectados e recoñecidos de Galicia dentro das súas especialidades e non podemos permitirnos deixalos escapar. Do mesmo xeito solicítase o estudo dunha modificación dos orzamentos actuais para cubrir as necesidades da Escola ata que se aproben os orzamentos do ano 2016.

En terceiro lugar, pídese que o curso dure de 1 de outubro a 21 de xuño e que se estableza un prazo de pre-matrícula para poder ter unha estimación do número de alumnos interesados e así poder organizar os horarios en consecuencia. Este período de pre-matrícula será entre o 1 o 15 de setembro, de xeito que o período de matrícula poida ser do 16 ao 30 e así comezar as clases o 1 de outubro e non a mediados de novembro, como viña ocorrendo ultimamente. En cursos posteriores, o prazo de prematrícula podería establecerse no mes de xullo e o de matrícula no mes de setembro.

En cuarto lugar solicítase que se estableza a posibilidade de pagamento fraccionado en dous ou tres prazos (trimestral ou cuadrimestral) a través de domiciliación bancaria, de forma que se lle facilite ás familias, especialmente ás que teñen máis dun neno matriculado, o pagamento das taxas.

Exit mobile version