Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia avanza que os orzamentos da Deputación saldarán a débeda contraída cos concellos cun incremento de fondos destinados a axuda no fogar

Xunta 1Lugo, 14 de agosto de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, avanzou este venres que a pretensión do goberno provincial é a de dotar á correspondente partida orzamentaria dos fondos suficientes durante as contas de 2016 para saldar as débedas contraídas cos concellos en materia do Servizo de Axuda no Fogar.

A presidenta da institución reiterou o compromiso da Deputación co benestar e, neste senso, están a traballar para atender ás reclamacións dos municipios que solicitan o cumprimento do decreto de servizos sociais, despois de que o anterior goberno provincial se negase a atender maioritariamente o servizo de axuda no fogar.
Candia deu estas declaracións tras a celebración da Xunta de Goberno desta mañá na que se aprobaron as subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos correntes do servizo de axuda no fogar na modalidade de prestación básica, por un importe de 1,2 millóns de euros, tras incrementar a partida en medio millón de euros.

“Nada máis chegar ao goberno duplicamos a axuda para o SAF respecto ao que destinaba o anterior goberno a comezos do último mandato”, unha decisión que a propia presidenta “considera insuficiente, pero atopámonos con limitacións orzamentarias que nos impediron durante este 2015 incrementar o crédito nunha contía maior”.
A presidenta provincial destacou que este incremento de partida reflíctese en un amplo número de concellos e citou, por exemplo, o de Ribadeo, que recibirá 47.000 euros fronte aos 27.000 euros que recibiría co orzamento do goberno bipartito, o de Riotorto que pasaría de 10.000 a 18.000 ou o de Viveiro de 18. 552 euros a 31.805 euros.

Candia tamén matizou que “tivemos que atender a unhas bases elaboradas previamente, aprobadas en Xunta de Goberno de 13 de marzo de 2015, coas que cumprimos ao 100%, polo que o incremento da contía non implica que todos os concellos suban en subvencións, unha situación que trataremos de evitar nas próximas anualidades e para o que reformularemos as bases”. Neste senso, a presidenta da institución tamén garantiu que na próxima anualidade en todos os concellos da provincia se asumirá máis do 50% do custe do servizo.

“Dende o goberno provincial traballamos centrados na cooperación cos concellos e no benestar da provincia, pola contra a oposición dedícase a buscar escusas para prolongar no tempo os procesos”, engadiu a popular, quen informou de que na comisión de valoración celebrada antes da Xunta de Goberno, o BNG votou a favor da proposta de concesión de subvencións do SAF; mentres que os socialistas abstivéronse.

Apoio ao sector pesqueiro
En Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou a concesión de 33 subvencións a propietarios de embarcacións de pesca de baixura, por un importe total de 95.285,07 euros. O delegado de Pesca, José Demetrio Salgueiro, explicou que esta liña de axudas ten por obxecto  o apoio ao sector pesqueiro de baixura coa mellora de embarcacións con porto base na Mariña Lucense.

José Demetrio Salgueiro explicou que se recibiron un total de 36 solicitudes, das cales 33 foron estimadas, mentres se produciu unha renuncia e se excluíron dúas por non axustarse ás bases, nun dos casos, o domicilio social do interesado non estaba na provincia de Lugo, mentres que outra das solicitudes se rexistrou fóra de prazo. Polo cal, “podemos dicir que o 100%  das rexistradas que cumpriron os requisitos foron estimadas e a maioría no total do importe da solicitude presentada”.

O deputado delegado asegurou que “este é un exemplo máis do compromiso do Partido Popular co sector pesqueiro, que xa tiñamos dende a oposición, e que queremos sacar adiante agora con responsabilidades de goberno”. Neste senso, Salgueiro lembrou a reunión mantida con representantes do sector.

“Un dos nosos compromisos foi o de axilizar ao máximo posible a resolución destas axudas que hoxe se aproban de forma definitiva”, explicou Salgueiro quen anunciou tamén que “estamos a estudar unha liña nova de axudas, como se nos solicitou nesa primeira reunión co sector,  dirixida ás mariscadoras para que podan comprar equipamento como traxes de neoprenos e desenvolver, deste xeito, con seguridade o seu traballo”.

Por último, o delegado de Pesca na Deputación tamén engadiu que se está a traballar nunha segunda nova liña de axudas dirixida á Federación Provincial de Confrarías, que “leva a cabo accións de promoción do sector pesqueiro, unha das labores fundamentais para poder promocionar de forma conxunta os produtos da nosa provincia e que repercutan no sector”.

Exit mobile version