Site icon Crónica3.com A Mariña

“Candia retorna o caciquismo á Deputación e nega aos lucenses Presupostos Participativos no 2016”

O Grupo Provincial Socialista denuncia que Candia retorna o caciquismo á Deputación de Lugo e lamenta que negue aos lucenses Presupostos Participativos no 2016, destruíndo un proxecto máis do Goberno de Gómez Besteiro, que foi pioneiro en España, así como un referente en prol da democracia e da transparencia na xestión pública.

O Deputado provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, remarcou que “Candia introduce de novo as políticas caciquís do Partido Popular no organismo provincial, rexeitando que sexan os lucenses os que decidan cales deben ser as prioridades do orzamento da Deputación para o vindeiro ano. Candia quita este dereito aos cidadáns para dárllelo de cheo aos políticos”.

“Son os veciños os que deben participar, directamente, na elaboración do orzamento da Deputación, os que teñen que trasladar ás administracións as necesidades dos seus respectivos Concellos, como mellores coñecedores das mesmas. Os representantes políticos non podemos substituír os cidadáns, como quere facer Candia retornando o caciquismo á Deputación. O noso traballo e a nosa responsabilidade é escoitalos e dar respostas as súas necesidades, como representantes dos mesmos nas administracións públicas”.

Os políticos xa teñen vías de participación
“Candia tenta camuflar a súa política caciquil, vendendo fume e anunciando a creación dunha comisión con PSOE e BNG, cando os tres grupos políticos con representación na institución xa temos vías legais, perfectamente definidas e establecidas, para participar na elaboración das contas provincias e, polo tanto, para dar traslado ao que, por exemplo, consideren necesario os nosos Alcaldes e voceiros nos 67 municipios da provincia. E máis, Candia sabe, perfectamente, que necesita do apoio de socialista e nacionalista para aprobar os orzamentos, pois contamos coa maioría. Pola contra, os veciños só teñen esta oportunidade facendo Presupostos Participativos”.

Participación aberta e non decidir quen participa
“É moi diferente organizar reunións abertas, nas que todos os cidadáns que o desexen trasladen as súas proposta á Deputación, non só verbalmente, senón tamén por escrito e de xeito oficial, tal e como fixemos nós no 2015; a facer unha simple reunión informativa, na que participen só aqueles aos que se chamou, tal como fixo Candia. Nós fixemos Presupostos Participativos e Candia pretende facer os Presupostos do PP, ao igual que fixo coas Axudas aos Fogar, pois incrementou a partida en 500.000 euros para beneficiar aos municipios dos populares e non aos veciños. Candia está a retornar o caciquismo á Deputación, blindando outra vez esta institución ao cidadáns e poñéndoa ao servizo do PP”.

Máis de 55.000 veciños
O Goberno progresista de Gómez Besteiro abriu o proceso de elaboración dos orzamentos a todos os lucenses, creando os primeiros Presupostos Participativos dunha Deputación en España, os que tivo a de Lugo neste 2015. Para elo, organizou reunións abertas en cada un dos partidos xudiciais da provincia, nas que puideron participar todos os veciños que o desexasen da totalidade dos municipios lugueses. Fixérono máis de 55.000 cidadáns ben de xeito individual ou a través de colectivos. Nestes encontros, ademais de explicar polo miúdo as posibilidades, competencias e o propio funcionamento da Deputación, recolléronse cada unha das aportacións veciñais cuxa viabilidade foi estudada polos técnicos provinciais para darlles resposta orzamentaria. Ademais, os cidadáns foron informados, posteriormente, do resultado das súas propostas, pois enviáronse milleiros de cartas, todas elas individuais, dando resposta a cada una das peticións realizadas. De feito, tamén se enviaron 49 cartas a Feijóo e 8 a Rajoy informándoos sobre os 65 investimentos e medidas concretas demandadas polos veciños de competencia autonómica e estatal.

Exit mobile version