Dende CIG Saúde A Mariña denuncian que a Área de Xestión Integrada, lonxe de potenciar e mellorar a asistencia sanitaria na comarca, supón unha perda tanto de recursos económicos e materiais como de persoal que, lonxe de achegar a sanidade ás mariñás e mariñaos, empeora a calidade asistencial.
Para a central nacionalista no Partido Popular “o que están é comprometidos cos recortes, cos repagamentos, coa amortización de prazas no sistema público galego de saúde, medidas todas elas encamiñadas a deteriorar a sanidade pública cun único fin, PRIVATIZAR e entregar a empresas amigas, que buscan grandes beneficios, a nosa sanidade.
CIG Saúde A Mariña defende que “o que precisa a sanidade da comarca é o que está a pedir o conxunto da sociedade mariñá: un decreto de xestión integrada propio para xestionar atención primaria e especializada, un modelo que aposte polo crecemento do Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental recortar servizos sanitarios públicos para converter este hospital nun ambulatorio grande, deteriorar os centros de saúde e, alimentar o negocio da sanidade privada”.