Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron este xoves as obras de remodelación da Praza da Mariña de Burela

Burela, 20 de agosto de 2015.- Este xoves deron comezo as obras de remodelación da praza da Mariña. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que estean listas para a celebración da Feira do Libro.

O rexedor explicou que este xoves “comezaron as obras na praza da Mariña, pois é unha das cuestións que queremos levar a cabo con certa presa xa que é unha praza singular, moi visitada polos veciños de Burela. E evidentemente nestes últimos catro anos non estivo para nada coidada, bastaba ver o estado do quiosco da música, que estaba completamente abandonado”.

Llano dixo que “a nosa intención é deixala lista antes do 29 deste mes, porque ese día comeza a Feira do Libro e vai ser nesa praza, polo tanto queremos que estea perfectamente vistosa e arranxada para celebrar algo tan importante como é a Feira do Libro”.

E engadiu que “se vai facer unha mellora integral en toda a praza, que vai consistir en pintar a antiga praza de abastos, sobre todo a parte dianteira, onte están as columnas dunhas cores que esperemos que queden ben e se relacionen co noso pobo como unha localidade marítima. Tamén vamos pintar o quiosco e vamos colocar unha serie de fotos antigas en diversas zonas da praza para darlle vistosidade e ao mesmo tempo homenaxear a esta xente que foi mariñeira no seu día e que seguro que van lembrar moitas cousas aos veciños de Burela”.

Resposta ás críticas populares
Alfredo Llano aludiu ás acusacións realizadas nas últimas datas polo voceiro do PP no Concello sobre os cursos para desempregados e sobre a brigada de loita contra os incendios.

O alcalde puntualizou que “hai tres cursos que se ían impartir no Centro de Formación do Concello de Burela. Un deles era destinado a persoas que se querían formar en turismo, algo que ten moita importancia na Mariña, pero evidentemente non é que o alcalde tivese a intencionalidade ou fixera mal as cousas para evitar que se puidese dar este curso no tempo previsto. O que ocorre sinxelamente é que non hai alumnos para este curso, debido a que hai que ter en conta que a xente á que lle pode interesar este tema agora mesmo, nestes meses de xullo, agosto e setembro, están traballando naquelo no que realmente son profesionais”.

Alfredo Llano explicou que “o que ocorreu é que, por un lado, a Xunta tardou moito tempo en ofertar este curso e encima faino cun tema que ninguén solicitou, xa que nós tíñamos pedido outro tipo de cursos porque este de turismo é moi bo para dar noutras datas, como por exemplo xaneiro, febreiro ou marzo, cando a xente pode acudir a ese curso e formarse para o verán. Aí é cando realmente se precisa ter os coñecementos ao día para poder ofrecer o mellor servizo posible á xente que nos visita e tamén á de aquí”. E insistiu: “polo tanto o alcalde de Burela non tivo ningunha culpa. O único que fixen pola miña parte foi procurar que eses cursos foran todos para diante. De feito onte comezouse un de monitor de tempo libre con total normalidade e o martes vai empezar un de auxiliar administrativo, que tamén se vai impartir porque hai xente dabondo apuntada incluso para dous cursos. Isto significa que ese tipo de cursos si encaixan ben. Para estes dous hai moita xente en reserva”.

Sobre a brigada de loita contra os incendios o rexedor burelés dixo que “ano pasado o que fixo o señor Barcia, irresponsablemente, foi darlle a unha empresa esta responsabilidade, co cal gastou moitísimo máis do que lle correspondería. En cambio nosoutros este ano organizamos, seleccionamos e preparamos a todo o persoal e consecuentemente aforramos moitos cartos ao Concello. O ano pasado encargóuselle a unha empresa facer este traballo, non houbo ningún tipo de responsabilidade na contratación do persoal, pero pagouse un 21 por cento máis, soamente de IVE, porque ademais houbo outras cousas que se pagaron aparte. E evidentemente iso trouxo consigo un gasto a maiores. E hai outra cuestión tamén importante sobre este asunto: por esa contratación que se fixo con esa empresa estiveron dez días no Concello sen ningún tipo de firma de convenio nin doutro documento legal para que se puideran poñer a traballar”.

Alfredo Llano pídelle a José Mª González Barcia que “non veña dando leccións, que se preocupe máis de axudarlle á xente de Burela máis que de poñer cambadelas e de sacar temas que realmente non lle importan a ninguén. Está dando un nivel que non lle corresponde á xente que nos dedicamos á política; ten que reflexionar e cando faga unha valoración debe realizala sempre pensando no ben común da xente de Burela, pero nunca en prexuízo de persoas físicas ou de asuntos persoais. Non está á altura do que a política municipal precisa”.

Exit mobile version