Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Ribadeo o IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por APAGA

260815 Foto inicio Forum 1Ribadeo, 26 de agosto de 2015.- Comezou en Ribadeo o IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia e ao que asisten 72 persoas do mundo do ensino, do sector do automóbil, alumnos de FP e universitarios e tamén afeccionados ao mundo do motor, chegadas desde diferentes puntos da xeografía española.

Na primeira xornada do evento Jaime García Aguado, profesor da Escola Robert Bosch, falou sobre os procesos de diagnose nos vehículos e Adrián Rodríguez Otero de Drivex School SL analizou os sistemas de formación para a competición. Pola tarde haberá obradoiros de soldadura, de climatización, de aerografía, motocicletas e diagnose.

Este xoves, Jesús Vicente Queipo da empresa Luk-Aftermarket Service, disertará sobre 2C (embrague dobre) e Juan Piñeiro, profesor no IES de Curtis, falará sobre sistemas de antiarranque. A xornada completarase cunha charla sobre o programa Erasmus + e coa presentación dos resultados acadados polo proxecto de mobilidade Aprender a aprender na FP, que se veu desenvolvendo por parte de Apaga ao longo dos últimos meses. Xa pola noite ás 21 horas terá lugar a asamblea xeral da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia. Álvaro Doural explica que “os principais temas que abordaremos serán a presentación dun informe co estado de contas, o resultado dunha auditoría realizada hai un mes e tamén a posible modificación dos nosos estatutos para adaptalos á novas situacións, etc… tamén falaremos de accións de futuro, de novos proxectos, da futura colaboración que queremos establecer cos Concellos da comarca da Mariña”. A xornada do xoves rematará cunha cea de todos os participantes no IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que rematará o venres a mediodía.

Despois o sábado e o domingo terá lugar a III Mostra de Vehículos Clásicos, nos xardíns do hotel O Cabazo.

Exit mobile version