Site icon Crónica3.com A Mariña

Concerto da sección de vento metal da Banda Municipal de Música de Ribadeo xunto ao quinteto Ribadeo Brass e Cebolas Verdes Big Band

concerto-ribadeoRibadeo, 24 de agosto de 2015. A sección de vento metal da Banda Municipal de Música de Ribadeo xunto co quinteto Ribadeo Brass e a recentemente creada formación musical ribadense Cebolas Verdes Big Band ofrecerán un concerto este martes 25 de agosto ás 22.30 horas nas inmediacións do parque de San Francisco, aínda que en caso de mal tempo trasladarase ao Cine Teatro. Esta actuación, incluída no ciclo Agosto Musical 2015 que organiza a asociación Amadores da Música, chega despois da participación da Banda de Ribadeo no concerto celebrado onte, domingo, no auditorio municipal Hernán Naval dentro do X Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo.

O concerto de vento metal programado para mañá, martes, día 25, estará dirixido por Rubén Solloso Irimia, quen hoxe explicou que este tipo de actuacións “comezamos a facelas o ano pasado a raíz do cambio de directiva de Amadores da Musica. Vai polas distintas seccións da Banda: fíxose un concerto da de percusión, outro de vento madeira e este é o último concerto seccional, de vento metal. Consta de varias partes, a primeira será o grupo de metais graves: trombóns, bombardinos e tuba da banda, que interpretarán 3 pezas. A continuación tocará o quinteto de metais Ribadeo Brass, cun par de pezas. Despois xuntaremos a todos os metais da banda e interpretaremos outras 3 pezas. E, por último, finalizaremos con máis xente a maiores dos músicos de vento metal da banda e tocaremos un par de peciñas de big band, cos músicos que forman parte dunha big band nova que formamos en Ribadeo, que se chama Cebolas Verdes Big Band, e algún musico a maiores”.

A Banda participou este domingo no FIMCR
A Banda Municipal de Música de Ribadeo participou no concerto celebrado onte, domingo, no auditorio Hernán Naval dentro da décima edición do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo (FIMCR).

A Banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez, abriu a actuación interpretando en solitario Adios Nonino, de Astor Piazzola. Despois participou en varias pezas xunto coa xunto coa Coral Polifónica de Ribadeo e tamén co pianista Leopoldo Erice, a violinista Frederieke Saeijs, o violonchelista Tsuyoshi Tsutsumi e o clarinetista James Campbell.

O presidente da asociación Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, amosouse satisfeito do resultado da actuación da Banda neste concerto e agradeceu á organización, concretamente a Leopoldo Erice, que contase coa súa participación para este evento.

Exit mobile version