Site icon Crónica3.com A Mariña

“Crenzas e ritos na Mariña”, tema da última charla das XX Xornadas de Historia Local de Foz

Foz, 5 de agosto de 2015.- Este xoves, día 6, ás 20.30, na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz terá lugar a derradeira charla das Xornadas de Historia Local que tódolos anos organiza a asociación cultural A Pomba do Arco. Neste caso o relatorio correrá a cargo do antropólogo e doutor en Historia Xosé Manuel González Reboredo. Nesta charla, titulada “Crenzas e ritos na Mariña” o profesor vai tocar varios temas da relixiosidade popular galega, así por exemplo informará da antigüidade de moitos dos santos titulares das parroquias galegas, do proceso de galeguización que sufriron santos foráneos, como por exemplo aconteceu cos casos dos santos de San Xiao, San Mamede, Santa Mariña ou Santa Eufemia.

O profesor tamén informará sobre as diferenzas existentes entre o santoral do norte e do sur de Galicia, abordando en profundidade as causas desas diferenzas.

Despois dun breve repaso sobre o santoral da Mariña de Lugo centrarase e explicará a razón do santoral elixido polas parroquias de Santa Cilla, Santo Acisclo e San Martiño. Cal é a orixe destes santos, de ónde ven o seu culto, cando se implanta en Galicia e por qué son elixidos por estas parroquias focegas.
Rematará o citado profesor expoñendo o caso particular da parroquia de Foz e como se pasa do vello culto de Santiago ata o novo culto de San Lourenzo e a importancia, así como a orixe, do culto que o pobo de Foz, de igual maneira que tódolos pobos mariñeiros, á Virxe do Carme.

O profesor Reboredo é unha das grandes referencias dos estudos no ámbito antropoloxía en Galiza, tal e como o testemuñan as numerosas publicacións e premios dos que foi obxecto. O seu estudo sobre os santos titulares de Galicia foi galardoado co premio Vicente Risco de Ciencias Sociais na convocatoria do ano 2012.

Unha moi interesante charla que poñerá fin a estas XX Xornadas de Historia Local que coma tódolos anos organiza a asociación cultural A Pomba do Arco.

Exit mobile version