Site icon Crónica3.com A Mariña

Cunha actividade de orientación remata o programa ‘Noites Alternativas 2015’ do Concello de Cervo

Cervo, 21 de agosto de 2015. O programa Noites Alternativas organizado polo Concello de Cervo remata cunha actividade de orientación na que participaron 40 rapaces e rapazas de diferentes idades. Así o explicou hoxe a concelleira de Xuventude, Dolores García Caramés, que asistiu á clausura e entrega de premios aos participantes na Noite da Orientación xunto co alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto Martínez.

“O pasado mércores remataba o programa de Noites Alternativas coa actividade de orientación na que participaron 40 nenos e nenas de distintas idades buscando pistas por todo o pobo de San Ciprián para conseguir formar unha palabra secreta que lles faría gañadores da actividade. A actividade tivo gran acollida, con catro grupos de dez nenos e nenas acompañados por monitores que remataron a busca na Praza dos Campos, onde recibiron as medallas os gañadores e tamén houbo algo para todos os demais participantes. Ao remate da actividade fixéronse xogos de baile na praza”, comentou Dolores García.

A actividade de orientación pechou o programa Noites Alternativas organizado polo Concello de Cervo, que empezou o 13 de xullo e incluíu tamén volei praia, fútbol praia, baloncesto 3×3, fútbol 3×3 e a Noite do Patín.

A concelleira de Xuventude rematou anunciando que o Concello de Cervo “seguirá apostando por este programa, xa que hai destacar que cada ano ten mais acollida de participantes en cada actividade e é unha forma alternativa de que os mozos e mozas pasen as noites de verán practicando deporte e se entreteñan todos xuntos”.

Exit mobile version