Site icon Crónica3.com A Mariña

Cunha obra de microteatro, Manuel Lourenzo pon fin ás actividades culturais deste verán no Castelo do Castro de Ouro

O Clube Teatral Elsinor representou este sábado 29 de agosto no Castelo de Castro de Ouro (Alfoz) a obra de microteatro “A TÉCNICA DO TARATANTALEO”, interpretada por Manuel Lourenzo, director da mesma, e Xosé Martínez, autor da gravación audiovisual.

Tras a representación Manuel Lourenzo expresou o seu agradecemento por poder representar dúas obras no Castelo de Castro de Ouro durante este verán, pois para el é “como actuar na miña propia casa”, tamén agradeceu ó Concello a decisión de abrir as instalación do castelo para este tipo de eventos. Pola súa parte Xabier Pardiñas, responsable da área de cultura e turismo do Concello de Alfoz, agradeceu a Manuel Lourenzo a súa predisposición a participar nestas actividades, apuntando que desde a área de cultura e turismo se traballará “para que no vindeiro verán exista unha programación máis ampla de eventos no entorno do Castelo de Castro de Ouro”.

Con esta representación rematan as actividades de verán programadas no Castelo de Castro de Ouro para este 2015. As instalacións da torre permanecerán abertas ata o 31 de agosto coa a exposición didáctica “GALICIA, CONSERVANDO A NATUREZA” e de forma permanente a exposición de pintura de HIPÓLITO XEADA, no seu horario habitual. O Concello de Alfoz está traballando para que as instalacións do Castelo podan seguir abertas durante todo o ano, “polo menos durante os fins de semana e épocas de vacacións”, como apunta Xabier Pardiñas.

Ademais desde a area de turismo seguiranse facendo traballos de promoción do concello durante todo o ano, estando na actualidade traballando na recuperación de rutas de sendeirismo existentes como as do río Ouro e a da Pena Abaladoira e na nova ruta á cascada do Escouridal.

Exit mobile version