Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz, O Valadouro, Ribadeo e Lourenzá reciben axudas da Xunta para a potenciación dos seus recursos turísticos do rural

Lugo, 14 de agosto de 2015.- A Xunta de Galicia achegará preto de 400.000 euros a 21 concellos da provincia de Lugo para que melloren a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos situados no medio rural.

As subvencións de Turismo de Galicia pretenden que os concellos realicen actuacións que potencien tanto os seus recursos naturais -miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais- como os bens de interese cultural existentes nas zonas rurais do municipio.

A provincia de Lugo recibe un investimento global de 376.890 euros, distribuídos entre os concellos de Láncara, Quiroga, Foz, Sober, Ribas de Sil, O Valadouro, Chantada, Palas de Rei, Monforte de Lemos, Lugo, Portomarín, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Guntín, Pantón, Ribadeo, Lourenzá, Cospeito, Abadín, Becerreá e Antas de Ulla.

Os proxectos subvencionados contemplan a ordenación e acondicionamento de rotas e do entorno de elementos naturais e patrimoniais singulares, pero tamén a difusión dos recursos turísticos a través da colocación de sinais convencionais ou de pantallas led e do desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, entre outros.

A Xunta aposta por potenciar o turismo para inverter a tendencia negativa na economía das zonas rurais e o seu despoboamento, tendo en consideración que o turismo é un sector en expansión importante que crea emprego e aumenta a atracción global do medio rural.

Esta iniciativa enmárcase na estratexia do Goberno galego para promover o desenvolvemento rural, que se aborda dende unha perspectiva integral con accións en distintos ámbitos destinadas a diversificar a economía, mellorar calidade de vida e conseguir o reequilibrio territorial.

Exit mobile version