Site icon Crónica3.com A Mariña

Gaia levará adiante novas actividades para nen@s na praia do Portelo

Burela, 20 de agosto de 2015. Identificación de invertebrados na praia é o título da actividade que se realizará na praia de O Portelo este venres 21 de agosto, ás 11.30 horas. Segundo a Concellería de Medio Ambiente “trátase dunha actividade lúdica para os nenos á vez que traballan valores medioambientais formándose como usuarios responsables das praias e coñecendo as especies do noso litoral”.

As monitoras de Gaia realizarán una pequena introdución sobre a clasificación dos invertebrados e as súas características. E posteriormente orán a proba a súa destreza manual pescando cunhas cañas e con esquieiros nunhas pequenas piscinas cheas de auga azul, pequenas especies de plástico existentes no litoral que os rapaces terán que identificar e clasificar.

Esta iniciativa forma parte dunha serie de talleres e actividades (Decálogo da miña Praia, Á Praia andando ou en bicicleta) que se levan facendo ao longo de todo o verán e que pretenden fomentar a conservación do medio ambiente e do recursos naturais.

O próximo luns, 24 de agosto, tamén ás 11.30 horas realizarase na mesma praia de O Portelo un taller titulado Efectos do abandono de residuos nas praias.

As monitoras de Gaia explican que “os participantes aprenderán porque é tan importante non deixar residuos nos areais e concienciar aos usuarios dos posibles danos que podemos producir cando deixamos latas, botellas, bolsas de plástico, chicles, botellas de vidro,etc… tiradas na area”. As monitoras falarán do perigo que ocasionan e o tempo que tarda en degradarse o lixo que queda tirado na area e as recomendacións para que eses residuos se depositen no colector correspondente.

Posteriormente terá lugar unha parte máis práctica que consiste nun xogo de canasta no que terán que encestar diferentes restos de lixo tendo en conta o tempo que tardan en degradarse. Con esta actividade “preténdese dar a coñecer boas prácticas medioambientais e propiciar o comportamento respectuoso co medio ambiente”, engaden desde Gaia, dependente da Concellería de Medio Ambiente.

Exit mobile version