A rexedora supervisou o inicio dos traballos, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Rural, Miguel Castrillón. “Trátase dunha vía por onde a diario acoden a pasear moitos veciños e veciñas de Lourenzá e por onde discorre moito tráfico rodado. As obras afectan a un camiño público de titularidade municipal, coñecido comunmente por ruta do colesterol. Dende o meu primeiro día como alcaldesa levo preocupándome por este tema e son consciente de que era unha das actuacións urxentes e prioritarias que necesitaba o concello de Lourenzá; por iso estou contenta de que por fin se estean a realizar estas obras”, declarou Rocío López.
Ademais a alcaldesa aproveitou a ocasión para dar conta de outras actuacións pendentes: “existen a día de hoxe dous camiños públicos de titularidade municipal que están cortados polo derrubamento de dúas pontes, tamén a consecuencia desas riadas do pasado mes de decembro. Unha delas é a ponte de Gallardo, na parroquia de San Adriano, e outra a ponte sobre o rego de Entrepenas, na parroquia de Santo Tomé. Dende o Concello de Lourenzá seguimos traballando e insistindo na necesidade e urxencia da construción desas pontes; e esperamos que canto antes se podan levar a cabo esas obras”.