Burela, 14 de agosto de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, remitiulle un escrito á Deputación de Lugo solicitando o amaño da estrada que vai desde Burela pola praia da Marosa ata San Cibrao. O rexedor amósase preocupado tras os accidentes que se rexistraron nese vieiro de titularidade provincial e pide que se amañe o firme e que se revise a sinalización horizontal e vertical.
O alcalde burelés explicou este mediodía que “unha cuestión que nos está preocupando ultimamente é a cantidade de accidentes que está habendo na estrada que vai de Burela a San Cibrao, un vieiro pegado ao mar que é responsabilidade directa da Deputación de Lugo. Nos últimos días tivemos dous accidentes case consecutivos, nos que non ocorreu nada grave de milagre; aínda que os vehículos quedaron totalmente estragados e a xente que ía neles, como moita sorte, librou ben. Pero estamos moi preocupados porque non queremos que haxa esta frecuencia de accidentes e por tanto xa mandamos un escrito á Deputación reclamando unha mellora do firme, porque hai moitas fochas”.
Alfredo Llano subliña que “hai que arranxala para adecuar o firme ás necesidades desta estrada, que é moi empregada ultimamente para ir ás praias ou para desprazarse a San Cibrao ou dende esta localidade a Burela, por exemplo cara ao hospital. Por tanto pensamos que é importantísimo mellorar a estrada e modificar a sinalización horizontal e vertical, ademais de procurar ter o firme en perfectas condicións para evitar que existan accidentes como os que ocorreron estes últimos días”.
O alcalde pensa que “na Deputación non haberá problema para mellorar esta estrada e esperemos que se faga o antes posible polo ben da seguridade de toda a xente que emprega este vieiro para ir e vir de San Cibrao a Burela e viceversa”.