Site icon Crónica3.com A Mariña

“Moi positivo” balance do IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que remata en Ribadeo

Ribadeo, 28 de agosto de 2015. Concluíu en Ribadeo o IV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) e que reuniu durante tres días a 72 participantes. Álvaro Doural fai un balance moi positivo do evento.

O presidente de Apaga dixo que “o balance é moi positivo polo incremento de participación, creo que o ritmo de traballo mellorou bastante, a xente está moi animada, por exemplo os obradoiros de onte, que estaba previsto que rematasen ás sete e media da tarde ao final case eran as nove da noite e aínda estaba a xente facendo prácticas e actividades”.

E a asemblea xeral de Apaga celebrábase o venres á noite onde “tratamos unha serie de asuntos, como a modificación dos estatutos da asociación, presentáronse os proxectos europeos que vamos facer no período 2016-2017. Falouse de seguir cos fins de semana tecnolóxicos. Tamén seu deu a coñecer a situación económica e a auditoría de contas que se fixo hai dous meses e informouse ademais do número de socios, que neste momento é de case 100”, engadiu Álvaro Doural.

Tras o Fórum chega mañá a III Mostra de Vehículos Clásicos, como actividade complementaria. O presidente de Apaga sinala que “na mostra vanse poder ver toda unha serie de vehículos da liña de Peugeot-Citroën, dende algúns dos anos 1919 e 1920 ata outros máis recentes, como os moi populares 2 Cabalos ou Dyane 6, etcétera. Tamén vai haber coches novos, Peugeot e Citroën, que acaban de saír ao mercado e a xente que queira probalos poderá facelo. Vai haber persoal para atender aos visitantes o sábado e o domingo”.

Doural cre que “vai ser unha exposición interesante para todo o mundo, que a algúns nos recordará aqueles tempos de cando tíñamos 18 anos, acabábamos de sacar o carné de conducir e a única posibilidade que tíñamos era conducir un Dyane 6 ou un 2 Cabalos”.

Exit mobile version