Site icon Crónica3.com A Mariña

Nas lonxas galegas descargáronse máis de 2.000 toneladas de bonito do norte no que levamos de ano

Burela, 27 de agosto de 2015.- Nas lonxas galegas descargáronse máis de 2.000 toneladas de bonito do norte no que levamos de ano, que supuxeron un valor económico de máis de 8,3 millóns de euros. Así o destacou na madrugada deste xoves a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita á lonxa de Burela para asistir á poxa do bonito. Tamén fixo fincapé nos desembarcos da rula burelá, que no que levamos de ano descargou máis de 1.000 toneladas deste túnido, por un importe de preto de 4,5 millóns de euros.

Neste sentido, a titular de Medio Rural e Mar destacou que o bonito do norte representa para a frota de Burela e para boa parte da de Galicia unha das capturas estacionais máis importantes. Ademais, sinalou que a súa descarga nos portos permite poñer a disposición dos consumidores un produto saudable que conxuga unha calidade inmellorable e un sistema de captura respectuoso co medio natural.

Rosa Quintana salientou que o seu departamento apoia e impulsa decididamente a comercialización dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura, entre eles o bonito, como un dos eixos nos que se sustenta o benestar da xente do mar e en concreto o dos boniteiros burelaos.

A conselleira lembrou ademais o apoio da Xunta á promoción desta especie a través da campaña publicitaria Faino Bonito, que ten como obxectivo fomentar o consumo de bonito do norte fresco. A Consellería do Medio Rural e do Mar elaborou un material promocional co obxecto de informar aos consumidores das vantaxes de incorporar o bonito do norte fresco ao seu menú. Así, distribuíronse máis de 145.000 folletos, 2.000 carteis e 1.400 displays para a campaña 2015 en diferentes establecementos comerciais e tamén se fixeron 400 vallas publicitarias.

Exit mobile version